quarta-feira, 6 de março de 2013

A BIBLIOTECA MUNICIPAL INCREMENTA O SEU FONDO LOCAL CON NOVAS OBRAS DE CARÁCTER HISTÓRICO


A Biblioteca Pública Municipal de Tui continúa incrementando a súa colección de obras de carácter local coa incorporación das novidades bibliográficas que son editadas sobre a nosa cidade ou por autores locais pero tamén amplía a súa colección coa adquisición de obras de carácter histórico que enriquecen este fondo local á disposición de todos os cidadáns.
En concreto, as últimas obras incorporadas son as seguintes:
A primeira edición en español das “Memorias Históricas de Australia” de Frei Rosendo Salvado editadas no ano 1853 e que completan a primeira edición desta obra realizada en Italia en 1851 e que xa fora adquirida pola Biblioteca tudense no pasado ano 2011.
Tamén se incorpora ao fondo local outra obra do século XIX do cóengo tudense Ricardo Rodríguez Blanco titulada “Apuntes históricos de la Santa Iglesia Catedral, Ciudad y antigua diócesis de Tuy”, editada en Santiago en 1879.
Outra interesante publicación adquirida polo Concello tudense con destino á Biblioteca Municipal é a obra de José González Paramos “Estudio bibliográfico y critico de la prensa periódica tudense” editado en Madrid no ano 1918.
Tamén foron adquiridas dúas obriñas do tudense José Calvo Sotelo: “En defensa propia” (1932) e “Las responsabilidades políticas de la Dictadura, un proceso histórico” (1933)
E finalmente esta achega de obras locais foi completada coa merca de cinco publicacións editadas en Arxentina de Tirso Lorenzo, tudense de nacemento. En concreto as seguintes:
“El celibato del doctor Adonis” (1932), novela
“Acción Hispanista” (1932)
“Antología de motivos poéticos” (1928)
“Nuevos horizontes del idioma” (1936)
“El doctor Hipólito Irigoyen y el idea hispanoamericano” (1928)
O fondo local é unha das secciones da Biblioteca Municipal tudense que pretende reunir o conxunto máis amplo posible de obras sobre a nosa localidade ou de autores tudenses para ofrecer un servizo máis completo aos usuarios e investigadores sobre a nosa cidade. Segundo informa a concelleira de cultura, Vanesa Rodríguez Pereira, estas obras foron adquiridas polo Concello de Tui coa finalidade de enriquecer a colección local da nosa biblioteca e convertela nun lugar de referencia para calquera investigación sobre a nosa historia.

Sem comentários:

Enviar um comentário