A consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), citará nos vindeiros días aos propietarios dos terreos expropiados pola construción da Vía de Altas Prestacións (VAP) Tui-A Guarda para abonarlles máis de 1,6 millóns de euros. Este xoves, 5 de novembro, están convocados os veciños afectados no Concello pontevedrés do Rosal, e, os días 16 e 19 deste mesmo mes, pagarase a afectados dos municipios de Tui e A Guarda, respectivamente.
En total, serán 219 os titulares beneficiados por estes pagos, un total de 362 parcelas: 58 afectados no Concello do Rosal (110 fincas), que cobrarán un total de 779.063,48 €; 124 (195 fincas) no de Tui, aos que se lles pagarán 737.583,94 euros, e 37 (57 fincas) no da Guarda, que cobrarán 115.812,39 euros.
A relación concreta dos propietarios aos que se abonarán as indemnizacións estará publicada nas respectivas Casas Consistoriais dos concellos do Rosal, de Tui e da Guarda.
O pago aos veciños do Concello do Rosal efectuarase na Casa do Concello este mesmo xoves, 5 de novembro, debendo acudir entre as 11.00 e as 12.00 horas os titulares dos bens afectados. Así mesmo, os pagos en Tui realizaranse o luns 16 de novembro, entre as 11.00 e as 12.00 h, e no municipio da Guarda o 19 de novembro no mesmo horario.
Sem comentários:
Enviar um comentário