domingo, 3 de abril de 2016

O CRÍTICO E CINEASTA PAULINO VIOTA PROTAGONIZA O SEMINARIO DE PLAY-DOC 2016

- Presenta no certame Contactos (1970), mítico filme underground do cinema español, e
ofrece o curso 'O documental e a ficción'.
- O festival colaborará tamén co encontro internacional Doc's Kingdom, que propiciará o
debate en torno aos filmes desta duodécima edición.
Tui, 2 de marzo de 2016. O Festival Internacional de Documentais Play-Doc, que se celebrará do 13 ao 17 de abril en Tui, multiplica este ano o volume e a calidade das súas actividades formativas, paralelas ás proxeccións. A colaboración xa habitual co medio especializado
www.acuartaparede.com repítese. Este ano, a fórmula do crítico-cineasta iniciada na edición pasada con Gabe Klinger, acolle o prestixioso autor español Paulino Viota. O santanderino presentará o seu filme Contactos (1970), un fito do cinema español dos anos setenta; e ofrece ademais un curso baixo o título 'O documental e a ficción'. Nel, falará da convivencia entre estes dous modos de contar xa dende o cinema clásico, ofrecendo varios exemplos e comparacións entre obras de grandes do cinema como F.W. Murnau, Robert J. Flaherty ou Howard Hawks.
Viota está considerado un dos grandes directores da Transición, polo seu modo tan persoal e
moderno de plasmar a realidade española deses tempos. Dende 1988, dedicouse á ensinanza en Universidades – por exemplo, a de Valladolid ou a Pompeu Fabra – ou en escolas de cinema e outras institucións. Publicou Historia del cine militante en España (1980) e Jean-Luc cinéma Godard (2004). Tamén foi colaborador de revistas especializadas de referencia como Contracampo, Archivos de Filmoteca, Trama & Fondo ou Cahiers du Cinéma (España).
A inscrición a este curso costa 30 euros, e con ela pódese acceder a todas as sesións do festival. É un seminario aberto a todos os públicos, pero especialmente destinado aos críticos máis novos, nun afán de ofrecer formación nunha área na que, en Galicia, é case inexistente. O programa pormenorizado do curso xa pode consultarse na web de Play-Doc, así coma os detalles para inscribirse ata o 3 de abril.
Pontes tendidas con Portugal
Ademais, o festival suma a estas actividades a presenza de Doc's Kingdom, prestizioso seminario de documental internacional, que ten lugar cada setembro en Arcos de Valdevez, en Portugal. Este recoñecido encontro de cineastas, críticos, programadores e comisarios; intenta fomentar o debate en torno ás últimas tendencias do cinema de non ficción, centrándose cada ano nun tema concreto, con proxeccións e discusións en torno a esas películas. Co mesmo espírito, presentará en Play-Doc unha sesión, e debaterá as películas do festival cos asistentes a este seminario, de carácter informal.
A inscrición é gratuíta ata esgotar as prazas. Nos próximos días, daranse a coñecer os detalles para inscribirse na páxina web do festival.
Con esta actividade Play-Doc pretende seguir estreitando lazos co veciño Portugal, un país de
grande cinema, no que se levan a cabo proxectos de similar espírito ao do certame tudense. Play-Doc, neste 2016, fortalece esa relación e aposta decididamente polas actividades formativas.

Sem comentários:

Enviar um comentário