En Tui e Valença terán a oportunidade de coñecer a realidade de cooperación transfronteiriza en ámbitos coma o emprego
A Eurocidade Tui-Valença acollerá o próximo martes, 26 de abril, a 50 profesionais de 40 institucións de ensino superior pertencentes a 15 países europeos. Será na segunda xornada da V International Administrative and Teaching Staff Training Week organizada pola Universidade de Vigo. Esta presenza en Tui foi presentada esta mañá na casa do concello de Tui polo o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro da Eurocidade, Miguel A. Capón, o vereador de Cultura de Valença, José Monte, o vicereitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, Manuel Fernández Iglesias, o director da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, Alejandro Martínez, e a coordinadora do Eures Transfronteirizo, Teresa Ventín. No acto tamén estiveron presentes outros membros do goberno municipal tudense.
Este ano o emprego é o eixo temático desta semana que celebrará entre o luns 25 e o venres 29 abordando un total de catro paneis centrados en temas coma o emprendimento, a intermediación laboral ou as prácticas externas. Segundo expuxo na presentación desta mañá o vicereitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, Manuel Fernández Iglesias, dende a universidade apostaron por plasmar neste evento o feito de estar situados nunha rexión transfronteiriza, motivo tamén polo que decidiron achegarse ata a Eurocidade Tui-Valença para que os participantes puideran coñecer esta realidade. Será o martes a partir das 16.30h, segundo explicou director da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, Alejandro Martínez, cando estes expertos universitarios realicen en primeiro lugar unha visita guiada a Valença, e posteriormente se despracen ata Tui para coñecer tamén os seus atractivos turísticos. Pero amais ás 18.30h está prevista no salón de sesións da casa do concello unha ponencia a cargo de Sonia Trancoso do Instituto de Emprego e Formaçao Proffisional de Portugal sobre o Eures Transfronteirizo. Posteriormente celebrarán en Tui a cea gala da xornada. Precisamente a directora do Eures Tranfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, Teresa Ventín, avanzou na presentación desta mañá que o obxectivo é achegar aos participantes nesta Semana o espazo común no eido do traballo creado por Galicia e o Norte de Portugal, presentando o labor que se realiza dende o seu departamento e expondo o caso dos traballadores transfronteirizos que traballan nunha beira do Miño e viven na outra.
O vareador de Cultura de Valença, José Monte, sinalou que a Eurocidade é un exemplo de cooperación transfronteiriza en Europa, amosando a disposición das dúas cidades, tanto de Valença coma de Tui, para acoller este tipo de iniciativas.
Por último o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradeceu á Universidade de Vigo a elección da Eurocidade para a celebración deste evento o martes pola tarde. Nese senso apuntou coma a Eurocidade avanza de xeito positivo para converterse nun instrumento a disposición dos cidadáns, e un instrumento para levar a cabo actuacións no marco transfronteirizo. Lembrou precisamente xa coma hai unhas semanas a Eurocidade acollía un evento sobre o programa Eramus+ con participación de España e Portugal.
Sem comentários:
Enviar um comentário