O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, acompañado doutros membros da corporación municipal, recibiu esta mañá no salón de sesión da Casa do Concello ao alcalde de Versmold , Michael Meyer-Herrmann, ao vicealcalde, Horst Hardiek e a técnica encargada dos irmanamentos Jessica Schäperkötter.
O rexedor tudense dirixiuse ao seu homólogo alemán agardando que disfrutaran da súa estadía en Tui, e que a viaxe lles permitira coñecer un pouco o noso patrimonio, a nosa cultura, a nosa gastronomía e tamén as nosas festas, agradecendo a súa participación en distintos eventos durante os festexos de San Telmo.
Ao tempo Enrique Cabaleiro expresou, no nome da cidadanía tudense, a súa gratitude a Versmold polo acollemento que ten feito ao longo dos anos aos tudenses que alí marcharon traballar. Precisamente esa boa acollida e a boa relación deu pé ao acordo de irmandade entre as dúas cidades hai xa tres anos.
O alcalde de Versmold Michael Meyer-Herrmann pola súa parte agradeceu o recibimento que tiveron estes días en Tui, e a oportunidade de coñecer a cidade, as festas patronais e Galicia. Engadía que con esta visita dase un paso máis na irmandade entre Versmold e Tui. Convidou á corporación a visitar Versmold de novo.
Versmold está irmandada con Tui dende hai tres anos. Tui é un dos tres municipios cos que ten acordo de irmandade, xa que dende hai vinte anos teñen convenio coa localidade de Dobczyce de Polonia e dende hai cinco con Vdrnik en Serbia.
No remate do acto houbo un intercambio de agasallos entre Tui e Versmold.
Sem comentários:
Enviar um comentário