sexta-feira, 29 de abril de 2016

Tui celebra esta fin de semana a XX Feira de Artesanía con máis de 80 postos

Distribuiranse nas rúas Ordóñez e Seixas e nas prazas do Concello e de San Fernando. Abrirá sábado e domingo de 12 a 22h.
 O conxunto histórico de Tui acolle esta fin de semana a XX Feira de Artesanía organizada pola concellería de Turismo do Concello de Tui co obxectivo de promover e difundir a actividade artesá e a restauración, así coma para apoiar a comercialización dos seus produtos. Tamén se persegue a dinamización do conxunto histórico de Tui, do centro comercial aberto e da cidade de Tui no eido comercial, social e cultural.  
A feira será inaugurada este sábado, 30 de abril, ás 12h e poderá visitarse tanto o sábado coma o domingo, 1 de maio, de 12 a 22h. Na mesma van participar máis de 80 postos que se distribuirán polas rúas Ordóñez e Seixas e polas prazas do Concello e de San Fernando. Tamén se contará coa presenza da Asociación de Palilleiras do Baixo Miño e da Asociación Xuvenil e Cultural do Traxe de Tui.
Na rúa Ordóñez instalaranse os 36 artesáns con carta de artesáns inscritos, na Praza do Concello haberá antigüidades, e tanto na rúa Seixas coma na Praza de San Fernando estarán os postos de artesáns tanto de Tui coma de toda Galicia. A feira ten carácter solidario polo que cada participante, no momento da montaxe do posto, deberá facer entrega de  10 quilos de alimentos que serán doados a SOS Tomiño-Baixo Miño.
Todo o entorno da feira será decorado para a ocasión. Haberá artesáns traballando en vivo  e na Oficina de Turismo, na Praza de San Fernando,  poderase visitar unha exposición de fotografías antigas de artesáns tudenses.  Non faltará a animación musical cos grupos Santa Columba de Ribadelouro, Seixos Albos de Areas, Refaixos e Polainas de Baldráns, as pandereteiras As D’Abadía da Asociación A Insua de Caldelas, e Lembranzas da Terra de Guillarei que actuará o sábado, e San Xoán de Paramos, Inquedanzas de Pazos de Reis, O Mosteiro de Pexegueiro, Xuntanza de Randufe e San Fins de Rebordáns que o farán o domingo. Os nenos poderán disfrutar de inchables gratuítos durante a fin de semana, e amais o domingo a partir das 17h haberá animación infantil con En un Tris Tras.
Programa XX Feira de Artesanía
Máis de 80 postos nas rúas Ordóñez e Seixas e nas prazas do Concello e San Fernando
Sábado 30 e domingo 1 de 12 a 22h
Sábado 30.
Ás 12h inauguración
Ás 12.00h Grupo folclórico Santa Columba de Ribadelouro
Ás 13.00h Grupo folclórico Seixos Albos de Areas
Ás 17.00h Grupo folclórico Refaixos e Polainas de Baldráns
Ás 18.30h Grupo de pandereteiras As D’Abadía da Asociación A Insua de Caldelas
Ás 20.00h Banda de gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei
Domingo 1
Ás 12.00h grupo folclórico San Xoán de Paramos
Ás 13.00h grupo folclórico Inquedanzas de Pazos de Reis
Ás 17.00h grupo folclórico O Mosteiro de Pexegueiro
ÁS 17.00h animación infantil con En un Tris Tras
Ás 18.30h grupo folclórico Xuntanza de Randufe
Ás 20.00h grupo folclórico San Fins de Rebordáns
Na Oficina de Turismo exposición de fotografías antigas de oficios artesáns
Organiza: Concellería de Turismo do Concello de Tui
Colaboran: Asociación de Palilleiras do Baixo Miño e Asociación Xuvenil e Cultural do Traxe de Tui

Sem comentários:

Enviar um comentário