quarta-feira, 24 de abril de 2013

CHARLAS FORMATIVAS SOBRE AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA O XOVES EN TUI


O vindeiro xoves 25 de abril celebraranse as 10:45 no IES “San Paio”, as 12:25 e a 13:35 no IES Pérez Tizón e as 18:00 na Sala “Félix Rodríguez González” no edificio Área Panorámica, diversas charlas formativas sobre aforro e eficiencia enerxética.
Esta iniciativa formativa de carácter medioambiental terá lugar grazas a colaboración da Deputación de Pontevedra, o Concello de Tui, IES “San Paio”, IES Pérez Tizón e a Asociación de Amas de Casa e Consumidoras “Rías Baixas”. A acción formativa enmárcase dentro das actividades de formación e divulgación medioambiental do proxecto RETALER II Rede Transfronteiriza de Autoridades Locais en Enerxías Renovables do cal a Deputación de Pontevedra é socio membro xunto con outras dezaseis entidades españolas e portuguesas.
As charlas serán diferentes segundo o seu destinatario, ben sexan estudantes ou usuarios.
As charlas para os estudantes amosarán diversos aspectos da relación entre a enerxía e o medio ambiente baixo o enfoque da sustentabilidade; e trataranse temas como as enerxías renovables, o aforro de enerxía no fogar e no colexio e as practicas enerxéticas sostibles e responsables. Nas charlas tratarase de animar ós nosos mozos a ter un compromiso real co aforro de enerxía e o coidado do medio ambiente.
As charlas para usuarios e consumidores adultos amosarán aspectos claves sobre o sistema enerxético e a sustentabilidade, centrándose na comprensión das facturas enerxéticas, as distintas tarifas e modalidades de consumo. Esta charla terá unha compoñente eminentemente práctica analizando os distintos termos dunha factura eléctrica doméstica, o xeito de facer reclamacións e aconsellando hábitos para lograr a eficiencia e a redución do consumo. O acceso á charla é libre.
Estas charlas serán impartidas por conferenciantes da Fundación Galicia Sustentable, entidade cunha grande experiencia na organización de este tipo de actividades formativas no eido ambiental e organizadores do evento internacional TeDx en Galicia. 
Con esta actividade formativa amósase unha vez máis o compromiso da Deputación de Pontevedra e do Concello de Tui co aforro e a eficiencia enerxética apostando pola formación como mellor ferramenta para acadar o éxito nos nosos obxectivos medioambientais.

Sem comentários:

Enviar um comentário