quarta-feira, 3 de abril de 2013

O GOBERNO LOCAL DE TUI GARANTE O SEU PLENO APOIO AOS AFECTADOS POLAS PREFERENTES


O desaloxo só pretende normalizar a vida municipal para continuar traballando a prol dos afectados
O goberno local de Tui ordenou hoxe o desaloxo do Salón de Sesión da Casa do Concello. A súa ocupación era ilegal dende o pasado 19 de marzo, tal como foron informados puntual e persoalmente ese día os portavoces da Plataforma de afectados polas preferentes do Baixo Miño. O goberno local ten decidido que a policía local instase ao desaloxo tras o acordo unánime de todos os concelleiros e grupos municipais polo que se suspendeu o pleno extraordinario convocado para onte pola tarde, como medida de seguridade, segundo consta na acta asinada pola secretaria municipal. 
A presión exercida contra a administración municipal imposibilitando o exercicio das funcións democráticas inherentes, por terceira vez, dende que o 14 de xaneiro foron tomadas as dependencias municipais, provocou esta decisión. O goberno local de Tui, cidade galega na que máis arbitraxes se lograron pese ao detrimento forzado da calidade na atención diaria á maioría dos cidadáns, seguirá defendendo ás vítimas desta estafa ata que todas recuperen os seus aforros íntegros e, como tamén xa se indicou, é o único Concello que comprometeu a defensa xurídica gratuíta para os aforradores tudenses afectados. Paradoxalmente é o que máis está a sufrir o bloqueo da súa actividade municipal.
A normalización da vida municipal é prioritaria. 140 tudenses de media soportaron cada día durante este tempo un bloqueo que supuxo perdas de máis de 120.000 euros para as arcas municipais. O custo emocional para todos os afectados non é cuantificable pero, as arbitraxes conseguidas ata agora e o respecto mostrado durante todo este tempo polos veciños de Tui e os empregados municipais, debería ser xa suficiente para que dende a Plataforma correspondesen para con eles. 
O goberno local, a corporación municipal e todos os traballadores instan a todos os tudenses a normalizar a vida municipal. O apoio aos afectados seguirá sendo incondicional, polo que pedimos novamente respecto para todos e censuramos calquera tipo de presión violenta ou ameaza que se pretenda utilizar contra os dereitos dos tudenses.

Sem comentários:

Enviar um comentário