No pasado de marzo a cidade de Tui foi escollida por un total de 578 peregrinos para iniciar a súa peregrinación cara á Santiago de Compostela, sendo o segundo lugar de inicio da peregrinación en todos os camiños xacobeos, tras Sarria (Lugo).
A este continente de peregrinos que comezaron en Tui cabe engadirlles os 369 que escolleron a cidade de Valença. O que supón que un total 947 peregrinos dos 1487 que realizaron o itinerario do camiño portugués ao longo dese mes de marzo de 2013 iniciaron na nosa Eurocidade o camiño de Santiago.
Con estes datos facilitados pola Oficina de Estatística do Arcebispado de Santiago evidénciase, nunha nova oportunidade, a importancia que posúe a nosa cidade nos itinerarios xacobeos e como o Camiño portugués segue gozando dun alto atractivo para os peregrinos que percorren esta ruta histórica de peregrinación que ten en Valença e Tui o seu lugar de entrada en Galicia. Cabe destacar que os peregrinos reciben con sorpresa e fascinación a beleza da cidade de Tui, descoñecida para moitos. Os visitantes destacan a beleza paisaxística e a riqueza patrimonial da cidade como clave do seu encanto.
Para os responsables municipais estes datos testemuñan como a peregrinación xacobea é un recurso turístico e cultural de primeiro orde na nosa cidade pois aporta un importante número de visitantes que percorren as rúas do noso conxunto histórico. Tamén amosan a súa satisfacción pola consolidación da nosa cidade como a auténtica porta de entrada en Galicia do camiño portugués como ven reflectido nos datos estatísticos aportados. Os peregrinos que preparan o seu itinerario de peregrinación escollen a Tui como inicio do seu camiño ou como etapa do seu peregrinaxe tanto polos seus recursos turísticos, coa Catedral como gran atractivo, como polos servizos de atención aos peregrinos que oferta este municipio.
Sem comentários:
Enviar um comentário