segunda-feira, 22 de abril de 2013

PRESENTADO O PROGRAMA DO “MES DOS LIBROS” DA BIBLIOTECA MUNICIPAL DE TUI


Esta mañá foi presentado pola concelleira de cultura do Concello de Tui, Vanesa Rodríguez Pérez, o programa de actividades que dende o vindeiro martes 23 de abril e ata o 23 de maio desenvolverá a Biblioteca Pública Municipal de Tui que baixo o nome de “Mes dos Libros” agrupa a un total de sete actividades de animación e promoción da lectura espalladas ao longo destes trinta días. Estivo acompañada neste acto polo técnico da biblioteca municipal, Rafael Sánchez Bargiela.
Este programa de actividades conta coa colaboración do programa “Ler conta moito” da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, asi como as bibliotecas escolares dos centros educativos de Tui.
Salienta nesta programación unha nova edición de “Tui le: os libros na Praza de San Fernando” a celebrar o vindeiro martes, 23 de abril, “Día do Libro”. Nesta xornada máis de mil rapaces dos diversos centros escolares do noso municipio achegaranse ata esta céntrica praza tudense para intercambiar os seus libros vello e/ou usados asi como realizar, ao longo da mañá, diversas actividades de recitado, interpretación e música. Este ano por vez primeira se incorporan a esta actividade dous grupos escolares da inmediata cidade de Valença que se suman a esta festa sobre o libro e a lectura que dende hai xa catro anos organiza a Biblioteca Municipal tudense xunto coas bibliotecas escolares do noso municipio.
Tamén o venres 17 de maio o Paseo da Corredoira acollerá a XVI edición da Feira do Libro co participación tamén das librerías da Eurocidade que ofreceran ao público as novidades editoriais en linga galega e portuguesa. Un amplo programa de actividades (con pregón, recital poético, folclore e inchables) é un complemento axeitado para visitar esta feira ao longo desta xornada en que Galicia celebra o “Día das Letras Galegas”.
Ao longo de todo este mes a propia Biblioteca acollera actividades de animación á lectura para os rapaces: espectáculos de maxia e poesía o xoves 25 de abril, un obradoiro o luns 29 de abril, un contacontos o 7 de maio, e un novo espectáculo de animación o xoves 23 de maio. Para os adultos o mércores 15 haberá un recital de música titulado “O xardín desordenado” onde as voces de Marlene Rodrigues e Santiago Ferragud interpretan poemas de diversos autores galegos.
A Biblioteca Municipal de Tui ubicada no edificio Área Panorámica é servizo municipal de acceso ao libro, á lectura, á información e a cultura.Esta Biblioteca Pública Municipal de Tui experimentou no pasado ano 2012 un incremento de usuarios que acadaron un total de 45.212 persoas que accederon aos servizos deste centro bibliotecario. Estas cifras supoñen unha media mensual de más de tres mil setecentas persoas e unha media diaria de 150 usuarios. A Biblioteca abre 49 horas á semana (diariamente 9 horas e os sábado 4 horas).
Tamén no pasado ano aumentaron os préstamos de obras a domicilio acadando os 7.088 volumes emprestados, o que resulta un incremento dun 12% en relación aos libros retirados en préstamo domiciliario no ano 2011. Foi tamén incrementada a colección bibliográfica nun total de 1.388 novas publicacións dispondo na actualidade a Biblioteca tudense de 32.854 volumes á disposición dos seus usuarios. Os fondos bibliográficos medraron gracias ás achegas da Consellería de Cultura, o Ministerio de Cultura e o propio Concello de Tui así como tamén de numerosos usuarios que colaboran mediante a doazón de libros de variada  temática.
Esta mesma semana a Biblioteca Municipal foi seleccionada nos Premios María Moliner que convoca o Ministerio de Cultura, Federación Española de Municipios e Provincia e a Fundación Coca-Cola España pola súa actividade de dinamización lectora. Foron 21 bibliotecas de Galicia as seleccionadas e que recibiran un lote de 200 obras en recoñecemento ao seu labor.
Biblioteca dispón da súa propia páxina web:  www.bibliotecaspublicas.es/tui Tamén a través da Rede de Bibliotecas de Galicia dispón do seu espazo web: accesible dende  www.rbgalicia-xunta.es  ou http://www.opacmeiga.rbgalicia.org  existindo tamén enlaces dende a páxina we do Concello: www.concellotui.org e www.culturatui.info. Por medio destes enlaces o usuarios poden acceder ao catálogo da Biblioteca, as súas actividades, etc.

Sem comentários:

Enviar um comentário