sexta-feira, 5 de abril de 2013

O GOBERNO MUNICIPAL VEN TRABALLANDO NA REPOSICIÓN DO PANTALAN DOS PESCADORES


O goberno municipal de Tui quere clarexar que está traballando, conxuntamente cos pescadores e a Comandancia Naval do Miño, na reposición do pantalán dos pescadores que foi arrastrado pola última chea do río Miño. Este pantalán foi dividido pola forza da corrente en varios fragmentos que quedaron á deriva ata depositarse en diversos lugares do curso do Miño.
Da así resposta ás declaracións do voceiro do grupo municipal socialista de Tui de días pasados nas que insta ao equipo de goberno a realizar os trámites necesarios para restablecer o devandito pantalán. Dende a crecida do río, consecuencia da apertura do encoro de Frieira, houbo varias reunións con distintos organismos que están colaborando co Concello na resolución deste problema. Así nunha das últimas destas xuntanzas, o pasado día 21 de marzo participaron dous representantes da plataforma de pescadores do río Miño, o Comandante Naval do Miño, e dous enxeñeiros da empresa Teixeira y Duarte, que é a empresa que nestes momentos realiza as obras de conservación da ponte internacional. Segundo a opinión dos expertos nesta materia, chegouse á conclusión de que para realizar o remolcado dos tres fragmentos do pantalán, cómpre unha embarcación “remolcador” xa que utilizar outro tipo de barco, podería, dependendo da situación de cada fragmento, agravar o problema pudendo ficar somerxidos os distintos fragmentos do mencionado pantalán causando unha grave inseguridade para a navegación. A empresa Duarte y Teixeira puxo a disposición do Concello o seu remolcador. 
Pero para realizar este transporte precísanse unhas condicións de corrente do río que non supere un nó, unha menor crecida e unha marea de preamar. Dado que as dúas primeiras condicións non se cumpre na actualidade é preciso agardar a que melloren as condicións do río.
Por tanto non existe inoperancia neste goberno sobre este tema pois como queda acreditado se está traballando para resolver este problema de gran importancia para os nosos pescadores. Saben do compromiso do goberno municipal ao respecto para a recuperación e restauración deste pantalán.
Nunha nova ocasión o voceiro do grupo municipal socialista tudense chega tarde nas súas reclamacións evidenciando o descoñecemento da realidade da vida municipal tudense.

Sem comentários:

Enviar um comentário