Esta mañá foron presentadas as actividades deportivas das Festas de San Telmo promovidas por distintos colectivos do municipio. A presentación correu a cargo do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, xunto a Teresa Domínguez, directora do CRA Mestra Clara Torres, David Vidal, presidente do Club Tenis Tui, Julio Areal, presidente da Asociación de Pesca Reo Miño, Rafael Pérez, presidente do Club Atletismo Tui – Thermalia, e Luís Fernández, presidente do Club Xadrez Tui.
O concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, manifestou a súa satisfacción polas distintas probas deportivas que se van realizar durante as festas, xa que se incrementou o número con respecto ao ano anterior, o que pon de manifesto, dicía, a importancia que ten o deporte nestes festexos. Agarda que poidan seguir crecendo ano a ano incrementando o número de probas. Tamén daba as grazas aos presidentes dos distintos clubs pola súa colaboración.
Pola súa parte o vareador de Deportes de Valença, José Monte, fixo alusión aos eventos deportivos comúns que se están promovendo dende a Eurocidade Tui-Valença nunha clara aposta polo deporte.
Mentres o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, destacaba o feito de que nestes tempos complicados haxa persoas que dedican o seu tempo libre aos demais. Sinalaba que “a cidade de Tui fai deporte, fai cultura” engadindo que conta coas instalacións deportivas para estas prácticas. Felicitaba tanto a concelleiro de Deportes por esta iniciativa como aos distintos clubs polas actividades programadas.
As actividades deportivas previstas comezarán o sábado, 6 de abril, ás 11h da mañá no Paseo da Corredoira cunha Xornada de Xogos Populares promovida polo CRA Mestra Clara Torres. A súa directora Teresa Domínguez explicaba que haberá xogos de canicas, comba, mariquitiña, goma e chapas. Crearán amais un carné para ir selando en cada un dos xogos.
O sábado, 6 de abril, ás 17h comezará, tamén no Paseo da Corredoira, o III Torneo de Minitenis na rúa promovido polo Club Tenis Tui. David Vidal, presidente deste club, explicou que será unha proba moi vistosa xa que instalarán cinco pistas na Corredoira. Poderán participar tanto nenos como adultos e haberá premios, camisetas e medallas para os participantes. En caso de choiva celebrarase no pavillón do Instituto San Paio.
O domingo, 7 de abril, ás 8.30h no Centro Interfederado comezará o Campionato de Pesca Popular Eurocidade que organiza a Asociación de Pesca Reo Miño. Julio Areal, presidente deste colectivo, explicou que este ano decidiron cambiar o campionato de pesca a flote que realizaban outros anos, por un a pé polas beiras do Miño que é máis económico.
Tamén o domingo se vai celebrar a Carreira Popular Festas de San Telmo organizada polo Club Atletismo Tui Thermalia. Comezará ás 10.30h no Paseo da Corredoira e no mesmo establécense distintas categorías. Rafael Pérez, presidente do club de atletismo, deu conta de que se trata dunha carreira gratuíta e solidaria xa que os atletas non teñen que pagar nada pola inscrición pero no momento de recoller os dorsais si deberán aportar un alimento non perecedoiro que logo se entregará a unha ONG. Ata esta mañá había xa 600 inscritos, e agardan chegar aos 800 mañá mércores cando remata o prazo de inscrición en www.atletismotui.es.
E por último o domingo ás 17h no Claustro da Catedral terá lugar o II Torneo de Xadrez organizado polo Club Xadrez Tui. O seu presidente Luís Fernández sinalou que o torneo está aberto a nenos e a adultos, apuntando que repartirán premios entre as distintas categorías.
Sem comentários:
Enviar um comentário