A danza contemporánea chega este venres, 21 de marzo, ás 21.30h, ao Teatro Municipal de Tui con Cristina Montero e Rut Balbís co espectáculo “Momento Blooming”.
“Momento Blooming” é a primeira obra que presentan de xeito conxunto Rut Balbís e Cristina Montero. É un espectáculo de danza que conxuga momentos íntimos con momentos superficiais, choros con risas, realidade e ficción... todo dende o un traballo coas emocións, a interpretación, o movemento e a improvisación.
Rut Balbís, licenciada no One Year Certificate en danza contemporánea en Londres, comezou a súa traxectoria profesional coa súa propia compañía “Pisando Ovos” con montaxes coma “Non intre 1800” co que obtivo o primeiro premio do Certame Coreográfico de Madrid 2007. Ten actuado nos máis destacados festivais nacionais e internacionais. Realiza labores docentes na Aula de Teatro e Danza da Universidade da Coruña e na Escola de Danza Contemporánea de Narón. En 2012 participou no programa europeo Choreoroam.
Cristina Montero é docente e coordinadora na Escola de Danza Contemporánea de Narón. En 2009 creou a súa compañía coa performance “1ª party” que representou en Galicia, Madrid e Portugal. Ten traballado tamén coma intérprete e coreógrafa en distintas compañías coma Teatro do Morcego, Bucanero ou Trespasando.
O espectáculo, recomendado para todos os públicos, ten unha duración de 45 minutos. As entradas están xa á venda en www.culturatui,info ata o venres ás 13h, ou o venres dende ás 20h no despacho de billetes na Área Panorámica ao prezo de 5€ e 3€.
Sem comentários:
Enviar um comentário