Esta mañá comezaron os traballos de instalación de pilonas para o control de accesos ao Conxunto Histórico de Tui que se van prolongar ata finais da próxima semana.
Os primeiros traballos acometidos nesta xornada foron a instalacións de pilonas de pedra na rúa Antero Rubín e na fonte de Santo Domingo co obxectivo de liberar de vehículos estacionados esta zona, facilitando así o acceso ás garaxes aos residentes nesta rúa. Mañá proseguirán coa instalación das pilonas automáticas para regular o acceso ao Conxunto Histórico. A pilona retráctil con semáforo da rúa Piñeiro será a primeira en ser instalada, á que seguirán as pilonas da rúa Cuenca, Praza da Armada, rúa San Telmo e Porta da Pía. A instalación destes dispositivos foi adxudicada á empresa Tecnología Plexus, S.L. por un importe 43.135,36 euros.
A instalación destes controis de acceso ao Conxunto Histórico de Tui é o paso previo cara a peonalización desta zona da cidade. Coa mesma búscase promover a conservación deste espazo diminuíndo a contaminación ambiental e sonora, apostando pola habitabilidade e o a potenciación turística e comercial do casco vello. Arestora no Concello están a ser estudadas ás 24 alegacións presentadas á Ordenanza sobre a Regulación do Tráfico no Conxunto Histórico de Tui aprobada inicialmente polo Pleno da Corporación Municipal o 28 de novembro e sometida a información pública durante un mes. Dende o Concello agradecen a presentación destas alegacións que en moitos casos enriquecerán e mellorarán a ordenanza aprobada inicialmente.
Lembramos que unha vez entre en vigor a peonalización do Conxunto Histórico non se poderá estacionar en toda a zona, e só poderán acceder á mesma os vehículos dos residentes, así acreditados, para tarefas de carga e descarga. Para iso contarán ben cun mando a distancia ou poderá efectuar unha chamada perdida a un número de teléfono establecido para accionar a pilona retráctil.
Sem comentários:
Enviar um comentário