Co gallo do Día Internacional da Muller o Concello de Tui pon en marcha unha serie de actividades durante todo o mes de marzo para resaltar o labor das mulleres na sociedade a través do seu traballo profesional.
Con tal motivo o Concello de Tui repartirá aos locais comerciais paneis nos que cada establecemento porá o nome das traballadoras da súa empresa e colgará nun sitio visible baixo o slogan: “Mira o traballo feminino” .
Á súa vez desde a Concellaría da Muller e en colaboración cos locais do casco vello, organízanse diversas exposicións de traballos feitos por mulleres tales coma óleos, fotografías, documentais, ilustracións ou cerámica.
Neste círculo expositivo participan a Porta da Pía coa exposición de debuxo de Inés Gontad, Caprichos de Muffy con fotografías de Gore, Amadeus con pintura ao óleo de Inés Gontad, O Central co documental de Diana Gonçalves, Cabalo Vello con óleos de Nuria Figueirido, a Viñoteca con Puri e palilleiras, a Adega con deseño de María Rodríguez, o Monumental con óleos de Gemma Marqués, Tapas e Viños con cerámica de Conchi Garrido, a Muralla con óleos de María Rodríguez, o Cabalo Novo con acrílico de Kristina Krize , o Jaqueivi con plumilla de Vila, a Fototeca con obras gráficas de Nuria Vila e Dimarco con ilustracións de Kristina Krize.
Por outra banda, a Radio Municipal de Tui entrevistará cada venres a dúas mulleres pioneiras no desempeño de traballos nos que a muller tiña con anterioridade un difícil acceso coma no sector da política ou empresarial. As entrevistas terán lugar ás 11h onde as protagonistas relatarán a súa experiencia en sectores laborais antigamente restrinxidos ao mundo masculino.
Desde a Concellaría da Muller do Concello de Tui quérese así salientar a importancia das mulleres no desenvolvemento e progreso da sociedade escollendo o seu desempeño laboral coma eixe central do discurso para que a igualdade entre mulleres e homes sexa un obxectivo cumprido a corto prazo e unha realidade indiscutible para o conxunto das sociedades.
Sem comentários:
Enviar um comentário