O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, amosou a súa satisfacción ante a decisión do Consello da Xunta de sacar a licitación a obra do novo centro de saúde logo de tratar, onte, o informe presentado pola conselleira de Sanidade Rocío Mosquera para tal fin .
O servizo Galego de Saúde destinará un total de 4.838.465 euros á execución das obras, que se levarán a cabo na parcela da Rúa Casal Aboy, cedida no ano 2009 polo Concello tudense para este fin.
A obra enmárcase dentro do programa Feder Galicia 2007-2013 e dotará a Tui dun novo centro de saúde cunha superficie construída de 3.500 metros cadrados con 22 consultas na medicina xeral, catro na de pediatría, unha área destinada a matrona e educación maternal, outra de odontoloxía, unha de fisioterapia e diversas salas polivalentes.
Este novo centro de saúde permitirá atender a unha poboación de máis de 18.000 persoas e contará ademais cun punto de atención continuada (PAC) con unha zona de consultas e de observación .
Para o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o novo centro permitirá ofrecer unha mellor atención sanitaria e de maior calidade xa que o edificio contará cunhas infraestruturas modernas, mellores equipamentos e accesibilidade e adaptadas ás necesidades dos cidadáns tudenses. O rexedor tudense quere amosar o agradecemento tanto ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, coma a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, polo seu compromiso co novo centro de saúde tudense.
Sem comentários:
Enviar um comentário