Desde a Concellería de Servizos Sociais de Tui infórmase da iniciativa “Encontros na emigración” da Deputación de Pontevedra, que ten coma obxectivo o achegamento das persoas emigrantes retornadas coa familia e amigos residentes na Arxentina , ou familias pontevedresas cos familiares que emigraron a dito país na procura de mellores oportunidades.
Para ese encontro o programa da Deputación de Pontevedra oferta 200 prazas para a realización dunha viaxe a Arxentina durante 9 días con dúas modalidades: o paquete completo, que inclúe voos de ida e volta desde o aeroporto de Bos Aires ata o hotel e viceversa, aloxamento e almorzo cun custe de 1.135 euros, ou o paquete básico que inclúe os voos de ida e volta e os traslados ata os hoteis onde os recollerán as súas respectivas familias por 880 euros.
Poderán acollerse a este programa as persoas emigrantes retornadas de Arxentina que así o acrediten, ademais de aquelas persoas da provincia que confirmen ter familiares de ata o 3º grao de consanguinidade residentes no país suramericano ( pais, fillos, avós, irmáns, netos tíos e sobriños). No caso de superarse o número de prazas ofertadas terán prioridade as persoas que están a percibir algunha prestación social e as persoas de maior idade. No caso de non cubrírense tódalas prazas poderán enviar a súa solicitude de participación as persoas empadroadas nalgún concello da provincia de Pontevedra, independentemente do seu perfil, tendo preferencia as persoas perceptoras de axudas sociais ou as de maior idade.
As datas nas que se realizarán estas viaxes terán coma días de partida o 21, 22 e 23 de marzo, e de regreso o 29, 30 e 31 do mesmo mes. Todos os voos faranse desde o aeroporto de Vigo con escala en Madrid.
O prazo de solicitude finaliza o 13 de marzo e poderá efectuarse na Sede de Pontevedra na Avenida Montero Ríos de luns a sábado, ou na Sede de Vigo na Rúa Oporto 3 de luns a venres. As solicitudes deberán formularse seguindo o modelo que se facilita no Rexistro xeral da institución provincial, no da súa Sede en Vigo ou na páxina web www.depo.es/es/mayores.
Sem comentários:
Enviar um comentário