O espectáculo comezará ás 20.30h no Teatro Municipal
A testemuña real de mulleres que traballaron nunha fábrica de conservas e perderon o seu traballo é o punto do que partiu Cándido Pazó para escribir “As do peixe” unha obra teatro que este sábado, 15 de marzo, chega a Tui da man de Abrapalabra. O espectáculo comezará ás 20.30h.
“As do peixe” é unha viaxe ao través da memoria de catro mulleres traballadoras dunha conserveira nos anos 70 que parten no seu relato do momento actual. Ilusión, desenganos, desemprego, o derrube dunha economía...xorden na conversa que manteñen Conchi, Begoña, Lisa e Tere a quen dan vida as actrices Susana Dans, Mónica Caamaño, Casilda Alfaro e Rocío González. A dirección corresponde neste caso a Cristina Domínguez.
Abrapalabra Creacións Escénicas xurdiu da necesidade de Cándido Pazó de contar cunha estrutura para estrear os espectáculos que el mesmo escribe e dirixe. Dende 2008 levan a escena obras coma “A Piragua”, “Memorias das memorias dun neno labrego”, “O espectáculo da palabra” ou “Cunqueiradas”.
O espectáculo, recomendado a partir dos 12 anos, ten unha duración de 85 minutos. As entradas están xa á venda en www.culturatui,info ata o sábado ás 13h, ou o sábado dende ás 19h no despacho de billetes na Área Panorámica ao prezo de 6€ e 4,5€.
Abrapalabra presenta “As do peixe”
Data: Sábado, 15 de marzo ás 20.30h
Lugar: No Teatro Municipal
Entradas: Á venda en www.culturatui.info ata o sábado ás 13h, ou o sábado dende ás 19h no despacho de billetes ao prezo de 6€ e 4,5€.
Sem comentários:
Enviar um comentário