A Vicepresidencia da Xunta de Galicia en coordinación coas Eurocidades Tui-Valença e Verín-Chaves, vén de iniciar unha serie de formacións dedicadas aos traballadores transfronteirizos. Concretamente, estanse a desenvolver dúas experiencias piloto no ámbito da formación a traballadores, co obxectivo de posibilitar que os traballadores galegos e portugueses poidan desempeñar o seu labor nos dous países.
Mañá, luns, inaugurarase nas instalacións da Eurocidade Verín-Chaves, en Feces de Baixo (Verín), un curso de formación sobre riscos laborais no sector da construción. De feito, estas accións formativas xa deron comezo o pasado xoves, 6 de marzo, coa primeira das edicións, que acolleu a Eurocidade Tui-Valença, nas instalacións do Concello de Tui.
Os cursos, que son homologábeis en España e en Portugal, serán impartidos pola Fundación Laboral da Construción e cofinanciados polo Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, o POCTEP.
Cada edición terá unha duración global de 60 horas e desenvolverse ao longo de dúas semanas e media. A estes cursos terán acceso un total de 50 persoas de ambos lados da fronteira (prioritariamente desempregados), dos que a metade son de nacionalidade española e a metade de nacionalidade portuguesa.
A Vicepresidencia da Xunta, a través da Dirección Xeral e de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ten materializado, coa cofinanciación e no marco do proceso de execución e xestión do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal , un “Estudo sobre os Custes de Contexto na fronteira Hispano-Lusa, área sectorial de servizos sociais e emprego”.
No citado Estudo, ademais da identificación dos custes que ocasiona o feito transfronteirizo, téñense deseñado determinados proxectos e/ou programas orientados á superación dos citados obstáculos. Un deles trata da eliminación de custes de contexto transfronteirizo no ámbito da formación profesional, en particular no sector da construción, que deu lugar á organización destas series de formacións.
As Eurocidades Chaves-Verín e Tui-Valença constitúen iniciativas innovadoras de cooperación entre España e Portugal que buscan minorar os “custes de contexto” para as poboacións fronteirizas ou, mellorando a calidade de vida dos habitantes destas contornas e convertendo as áreas fronteirizas en áreas de oportunidade, mediante a oferta de servizos comúns para os cidadáns de ambos lados da fronteira e a realización de proxectos conxuntos.
Sem comentários:
Enviar um comentário