Do 2 ao 6 de abril Tui vai ser o escenario da décima edición de Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui. Refrendado polo público e pola crítica o festival tudense brindará de novo a oportunidade de achegarse ao mellor cinema documental, nunha programación marcada esta ano pola presenza de realizadores moi novos e de elementos etnográficos. Así o expuxeron esta mañá na súa presentación os seus directores Sara García e Ángel Sánchez, acompañados polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, e o director da AGADIC, Jacobo Sutil.
A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, salientaba o orgullo que supón para Tui este festival xa que sitúa á cidade no mapa para o resto do mundo a pesares de atoparse na periferia da periferia segundo as súas palabras.
Sara García, a directora do festival, falaba orgullosa da evolución do festival en estes 10 anos, que a pesar de non ser tarefa doada o logro de financiamento e promoción, evolucionou mantendo a esencia inicial cunha programación pequena pero selecta. E iso é precisamente o que fai especial a Play-Doc, segundo a directora, xa que é un modelo de festival diferente que aposta pola naturalidade e sinxeleza, valores que reflicte o logotipo deste ano, un símbolo xaponés circular que se interpreta neste caso coma a valoración dos 10 anos de andaina do festival e o inicio dun novo ciclo que está a comezar xa.
Ángel Sánchez, o director do festival, salientou a personalidade deste festival que pretende involucrar a todos aqueles que decidan achegarse con actividades paralelas coma son os concertos nocturnos con protagonistas dalgúns dos documentais ou os obradoiros de cinema facendo fincapé, este ano, no cinema galego, compromiso sempre presente no ideario do festival. Resaltou o custoso que é levar a cabo un evento destas características polo que aproveitou para agradecer o apoio dos dous piares fundamentais coma son o Concello de Tui e a Xunta de Galicia, quen otorgou ao play -Doc este ano unha subvención de 24.300 euros dentro do programa de subvencións a festivais de Galicia que cada ano apoia a 5 festivais culturais elixidos por un xurado profesional. Así mesmo, Ángel Sánchez, non se esqueceu de nomear e agradecer a todos os diferentes colaboradores empresariais e persoais cuxa aportación é sempre indispensable e destacou a nova canle televisiva Play-Doc TV posta en marcha grazas á colaboración do seu patrocinador R.
Pola súa banda, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais , Jacobo Sutil, explicou que a Axencia otorgou a maior partida da subvención de festivais disponible nesta convocatoria a Play Doc pola súa relevancia, tanto artística coma cultural e formativa , que cada ano espalla a súa influencia polo resto do mundo adiante.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, afirmaba que a andanza deste festival é un exercicio de supervivencia que ano tras ano vai demostrando que o traballo ben feito, con paixón e esforzo, acaba dando os seus froitos. Así mesmo subliña ser unha inversión pola que seguirá loitando e apoiando desde a administración.
A inauguración do festival terá lugar o próximo mércores, 2 de abril, ás 21.30h no Teatro Municipal, proxectándose a continuación tres obras de Bogdan Dziworski. Ese mesmo día ás 22.30h o público poderá asistir a “é na Terra e nao na lúa” de Gonçalo Tocha, un dos tres documentais portugueses que estarán presentes nesta décima edición.
Unha das principais novidades do festival este ano é que contará con dúas salas de proxección, a Sala 1 no Teatro Municipal, e a Sala 2 na Sala de Exposición habilitada especialmente con este obxectivo. Seis documentais, entre eles “Costa da Morte” de Lois Patiño competirán na sección oficial, mentres que outros sete documentais de realizadores galegos estarán tamén presentes na programación continuando a aposta polo cinema feito en Galicia que realiza Play-Doc.Do mesmo tamén se falarán a charla “Cinema galego e distribución” prevista para o domingo, 6 de abril, ás 17h. Play-Doc Lab, Laboratorio de Apuntes Fílmicos, dirixido por Marta Andreu, e o Seminario A Crítica Intermedia centran a oferta formativa á que se suma a Masterclass que ofrecerá Nicolás Pereda o sábado 5 de abril ás 17h. Amais o venres, 4 de abril, ás 19.30h na Sala 2 presentarase o libro “Jugar con la memoria. El cine portugués en el siglo XXI” da autoría de Horacio Muñoz e Iván Villarmea.
A música estará presente na sección Play-Doc Live e no concerto que os sábado pola noite acollerá a Sala Metropol a cargo da lisboeta Sequin e das bandas Malandrómeda e Novedades Carmiña.
Toda a programación de Play-Doc pódese consultar na súa web en www.play-doc.com
Sem comentários:
Enviar um comentário