A Biblioteca Pública Municipal de Tui organiza o vindeiro martes 5 de febreiro unha conferencia coloquio sobre a emigración galega a Río de Janeiro (Brasil) que estará a cargo da profesora e investigadora brasileira Erika Sarmiento que realiza nestas xornadas unha estadía en Galicia para afondar nas súas pescudas sobre esta temática.
Co titulo de “Estudios de inmigración galega en Brasil: o caso do Rio de Janeiro” a profesora Sarmiento abordará na súa intervención como os españois representan o terceiro grupo inmigratorio mais numeroso do Brasil. En algunhas capitais brasileiras como Salvador da Bahía e Río de Janeiro os galegos representan a maioría dos emigrantes do Estado Español. A antigüidade desa migración se remonta á segunda metade do século XIX, cando pioneiros oriúndos decidiron cruzar o Atlantico. Os galegos deixaron vestixios na sociedade carioca como pode ser a fundación do Hospital Espanhol, no ano de 1859, e o Centro Galego, no ano de 1899. Tamén participaron do proceso de modernización da cidade do Río de Janeiro, no alborecer do século XX, cando os discursos da elite tendían a dividir a inmigración entre aqueles desexábeis e indesexábeis.
Érika Sarmiento é doutora pola Universidade de Santiago de Compostela. Profesora da Universidade do Estado do Río de Janeiro e do Programa de Mestrado en História da Universidade Salgado de Oliveira. Coordinadora do Laboratório de Estudos de Imigração (Universidade do Estado do Rio de Janeiro) e do Laboratorio de Estudos Ibéricos ( Universidade Salgado de Oliveira). Publicou o libo “ Outro Río: a inmigración galega no Río de Janeiro” entre outros artigos. Foi profesora visitante na Columbia University de Nova York.
Para a Biblioteca Pública Municipal de Tui esta conferencia resulta de grande interese pois ofrecerá unha interesante visión da presenza de moitas xentes de Tui e o Baixo Miño que emigraron ás terras de Brasil na procura de novas expectativas de vida e contribuíron ao desenvolvemento daquel país. As relacións de mutuo intercambio entre ambos países foron fecundas e entre nos contamos con, por exemplo, mostras de arquitectura “dos indianos” que conforman un elemento singular do noso patrimonio cultural.
Sem comentários:
Enviar um comentário