O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, achegáronse esta mañá ao Centro Interfederado de Remo e Piragüismo de Tui para compartir uns minutos cos remeiros tudenses do Club Remo do Miño e do Club Remo Tui que lograron medalla ou participaron no recente Campionato de España de Remoergómetro.
O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, felicitou a estes deportistas polos seus éxitos, e explicou que se achegaban ata estas instalacións deportivas municipais para coñecer de primeira man as súas necesidades. Nicolás Lorenzo ofreceulles, o apoio do Concello ao tempo que destacaba a “clara aposta” que se está a facer polo deporte. Nese senso lembrou as becas concedidas recentemente aos deportistas tudenses de alto nivel. O concelleiro rematou desexando sorte aos remeiros tudenses na próxima concentración coa Selección Española.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, puxo de relevo a labor realizada nos últimos anos polos distintos alcaldes e concelleiros de Deportes para consecución dunhas instalacións deportivas axeitadas. O mandatario sinalou amais o “esforzo e duro traballo” preciso no deporte para conseguir resultados como os logrados no Campionato de España por estes remeiros.
No Campionato de España de Remoergómetro polo Club Remo do Miño, Óscar Alonso e Jorge André Carvalho, Campións de España, e polo Club Remo Tui, Esmeralda Santos, Campiona de España, e Nuria Domínguez e Jesús Álvarez, Subcampións de España.
Sem comentários:
Enviar um comentário