quarta-feira, 20 de fevereiro de 2013

MAÑA CONFERENCIA DE FRANCISCO RODRIGUEZ SOBRE “ROSALÍA DE CASTRO: SENTIDO E VIXENCIA DA SÚA OBRA”


Mañá xoves, 21 de febreiro, comezarán na nosa cidade as actividades conmemorativas do “Día de Rosalía” cunha conferencia do profesor Francisco Rodríguez titulada “Rosalía de Castro: sentido e vixencia da súa obra”. Esta conferencia terá lugar na Sala Félix Rodríguez González a partir das 20,00 horas.
Francisco Rodríguez Sánchez naceu en 1945 en Ferrol (Serantes). Cursou Historia e Filoloxía Románica (sección de Hispánicas) na Universidade de Madrid. Dende 1968 está dedicado á docencia primeiro como agregado de Lengua y Literatura españolas de bacharelato e posteriormente coma catedrático de instituto.
Autor dun vasto número de estudos, ensaios e investigacións relacionados coa realidade galega, publica en 1976 Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza. A diagnose e interpretación da problemática do idioma galego experimenta con esta obra unha absoluta renovación, xa que aspectos de natureza económica, social e política ocuparán un lugar relevante en dito exame. Alén disto, a súa bibliografía contén estudos moito documentados e clarificadores sobre autores e autoras fundamentais na nosa literatura, como demostran os seguintes títulos: A evolución ideolóxica de M. Curros Enríquez (1995), Eduardo Blanco Amor, o desacougo da nación negada (1993) ou Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro (1988). Esta última, co mesmo título da tese con que se doutorou en 1988 en Santiago de Compostela, enche un baleiro na investigación da historia literaria galega e significa un estudo rigoroso en que se reinterpreta a figura de Rosalía de Castro. Publicou tamén en 2011 “Rosalía de Castro. Estranxeira na súa patria”. Na actualidade é un dos mais prestixiosos especialistas sobre a escritora galega. Francisco Rodríguez é mais coñecido póla súa actividade no ámbito sindical e político tendo sido deputado no Parlamento de Galicia e nas Cortes españolas en diversas lexislaturas.
O Concello de Tui súmase así á celebración do “Día de Rosalía” dando cumprimento a un acordo plenario adoptado no pasado 2012 pola Corporación Municipal. Este ano ten unha especial relevancia ao se cumpriren 150 da publicación de “Cantares Gallegos”, o primeiro libro íntegro monolingüe do renacemento da nosa literatura culta. Con este motivo, os actos arredor do  24 de febreiro, data na que naceu Rosalía de Castro, tentarán proxectar a figura e obra rosaliana nos diferentes sectores sociais da nosa cidade.
Complétase o programa o sábado 23 de febreiro coa Lectura pública de poemas de Rosalía de Castro (recitado e música) ás 19,00 horas na Sala Felix Rodríguez González. Tamén ao longo do sábado se agasallará cunha flor a todos os que merquen un libro nas librerías tudenses ou retiren un libro en préstamo na Biblioteca Municipal.

Sem comentários:

Enviar um comentário