O Concello de Tui súmase este ano á celebración do “Día de Rosalía” dando cumprimento a un acordo plenario adoptado no pasado 2012 pola Corporación Municipal. Este ano ten unha especial relevancia ao se cumpriren 150 da publicación de “Cantares Gallegos”, o primeiro libro íntegro monolingüe do renacemento da nosa literatura culta. Con este motivo, os actos arredor do 24 de febreiro, data na que naceu Rosalía de Castro, tentarán proxectar a figura e obra rosaliana nos diferentes sectores sociais da nosa cidade.
A Concellería de Cultura a través da Biblioteca Pública Municipal organiza as seguintes actividades:
- Xoves 21 de febreiro: conferencia “Rosalía de Castro: sentido e vixencia da súa obra” a cargo do prof. Dr. D. Francisco Rodríguez ás 20,00 horas na Sala Félix Rodríguez González. Francisco Rodríguez é na actualidade un dos principais estudosos da vida e da obra da nosa poetisa.
- Sábado 23 de febreiro: Lectura pública de poemas de Rosalía de Castro (recitado e música) ás 19,00 horas na Sala Felix Rodríguez González
Ao longo do sábado se agasallará cunha flor a todos os que merquen un libro nas librerías tudenses ou retiren un libro en préstamo na Biblioteca Municipal.
O Concello de Tui anima a todos os cidadáns a sumarse a esta celebración e ás numerosas iniciativas que se espallan polo país adiante en lembranza desta egrexia figura das nosa letras. Iniciativas como a promovida pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) que anima á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor no día do nacemento de Rosalía de Castro.
Sem comentários:
Enviar um comentário