terça-feira, 5 de fevereiro de 2013

A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE TUI ACADA OS 45.000 USUARIOS NO PASADO ANO 2012


A Biblioteca Pública Municipal de Tui experimentou no pasado ano 2012 un incremento de usuarios que acadaron un total de 45.212 persoas que accederon aos servizos deste centro bibliotecario. Estas cifras supoñen unha media mensual de más de tres mil setecentas persoas e unha media diaria de 150 usuarios. A Biblioteca abre 49 horas á semana (diariamente 9 horas e os sábado 4 horas).
Tamén no pasado ano aumentaron os préstamos de obras a domicilio acadando os 7.088 volumes emprestados, o que resulta un incremento dun 12% en relación aos 6.300 libros retirados en préstamo domiciliario no ano 2011. Foi tamén incrementada a colección bibliográfica nun total de 1.388 novas publicacións dispondo na actualidade a Biblioteca tudense de 32.854 volumes á disposición dos seus usuarios. Os fondos bibliográficos medraron gracias ás achegas da Consellería de Cultura, o Ministerio de Cultura e o propio Concello de Tui así como tamén de numerosos usuarios que colaboran mediante a doazón de libros de variada  temática.
Entre as actuacións desenvolvidas no pasado ano, a memoria da Biblioteca, resalta a mellora do fondo local (coa adquisición de obras antigas referidas á nosa cidade, como é o caso da primeira edición, en español de 1853, das “Memorias Históricas de Australia” de Rosendo Salvado), o mantemento da actividade do Club de Lectura de adultos, das visitas escolares á Biblioteca, a continuidade da “Bibliopiscina” nos meses de verán co lema “Mergúllate nos libros”, etc.
Entre as actividades de fomento da lectura realizadas ao longo do ano, que superaron a trintena, destacaron:
- Unha nova edición de “Tui le, os libros na Praza de San Fernando” organizado pola Biblioteca en colaboración cos centros educativos que contou coa participación de máis de 1.500 rapaces no 23 de abril.
- A XV “Feira do libro” o 17 de maio coa presenza das librerías tudense e de dúas librerías de Valença.
- Na “Semana da Biblioteca” celebrada arredor do 24 de outubro a Biblioteca organizou as xornadas “Lendo na casa” con contacontos para nenos e pais, con conferencias, obradoiro, etc procurando que o hábito da lectura se achegue tamén aos fogares tudenses.
- Xunto a esto a Biblioteca celebrou o “Mes do Libros” con diversas actividades de animación para pequenos e mozos, a conmemoración do CXX aniversario dos Xogos Florais de Galicia, etc.
Para a responsable da concellería de cultura tudense, Vanesa Rodríguez Pereira, estes datos avalan o importante esforzo que realiza o Concello de Tui pola promoción deste centro bibliotecario que garante o acceso de todos os cidadás á cultura e á información. Os datos estatísticos reflicten anualmente un incremento usuarios e préstamos pero, engade, que en Galicia aínda estamos lonxe dos parámetros que recomendan os organismos internacionais e, consecuentemente, cómpre manter este compromiso a prol da lectura pública como un dos eixes da actividade cultural tudense.
A biblioteca dispón da súa propia páxina web:  www.bibliotecaspublicas.es/tui Tamén a través da Rede de Bibliotecas de Galicia dispón do seu espazo web: http://www.opacmeiga.rbgalicia.org/Biblioteca.aspx?CodigoBiblioteca=PBM06 Por medio destes enlaces o usuarios poden acceder ao catálogo da Biblioteca, as súas actividades, etc.

Sem comentários:

Enviar um comentário