O Dario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto polo que se aproba a constitución do Consorcio para a Xestión do Ciclo Urbano da Auga do Río Louro. O Concello de Tui xunto ao Goberno galego e os concellos de Mos, O Porriño e Salceda de Caselas veñen impulsando a constitución dun consorcio para a xestión do ciclo urbano da auga no ámbito da bacía do río Louro, o que beneficiará os case 60.000 habitantes destes catro concellos de Pontevedra.
O Consorcio local constituído denominarase Consorcio para a Xestión do Ciclo Urbano da Auga do Louro e terá a súa sede principal na EDAR de Guillarei. O seu comité directivo estará formado por un representante de cada un dos concellos e un representante da Xunta de Galicia, o cal reforza o seu carácter local. Entre as facultades que terá o Consorcio destacan as de ditar ordenanzas fiscais e regulamentos dos servizos de saneamento, abastecemento e depuración únicos para todo o seu ámbito territorial, a xestión dos seus propios tributos, contratar obras e servizos necesarios para a súa actividades, e a potestade inspectora e sancionadora, para asegurar o bo funcionamento dos servizos.
O novo ente irá moito máis alá da idea inicial de xestión da EDAR de Guillarei e encargarase de todo o saneamento e abastecemento, inspección, explotación de todas as instalacións de potabilización, depuración e bombeo do ámbito territorial. O novo consorcio xestionará o ciclo completo da auga dos 58.918 habitantes dos 4 concellos pontevedreses. A prestación deste servizo integral implica a garantía ambiental para o río Louro, non só coa xestión do saneamento, senón cun sistema de inspección máis rigoroso das verteduras das industrias; o servizo da depuración da EDAR de Guillarei e a sustentabilidade económica, financeira e institucional na xestión.
O consorcio configúrase como local, aínda que con participación autonómica, polo que a Xunta permanecerá para garantir a sustentabilidade institucional e económica nos primeiros anos, ata o seu autofinanciamento. Cabe citar que o consorcio será o que xestione directamente os ingresos polos servizos da auga, en vez de recibir transferencias dos concellos, o que evitará problemas no futuro por débedas ou repartición de custos.
A contía das tarifas permitirá aproximarse á sustentabilidade financeira, pero asegurando que sexa posible o acceso á auga a todos os usuarios. O obxectivo é que o resultado de explotación se equilibre sen subir as taxas máis alá da actualización de prezos, a medida que vaia habendo máis usuarios do saneamento e depuración, e se actualice o padrón de usuarios. No entanto, nos primeiros anos considérase que haberá un déficit de explotación que será asumido pola a Xunta de Galicia a través dun convenio de colaboración. Este apoio económico estímase en 674.960,40 € no primeiro ano de funcionamento. Tamén haberá un apoio técnico por parte de Augas de Galicia, especialmente para a dirección de explotación das infraestruturas hidráulicas.
Trámites
As principais actuacións administrativas que se teñen que desenvolver nos próximos meses son as seguintes:
- Elección dos órganos reitores e iniciación do funcionamento, no prazo dun mes desde a publicación dos estatutos.
- Aprobación do orzamento.
- Sinatura de convenio entre a Xunta de Galicia e o Consorcio para a regulación da colaboración financeira e técnica.
- Aprobación da ordenanza fiscal única para todo o ámbito territorial, redacción dos regulamentos de explotación do servizo, de conexión á rede de sumidoiros, da ordenanza de verteduras e das normativas técnicas únicas.
- Licitación e adxudicación do contrato de xestión de servizo público polo Consorcio.
O obxectivo é que o Consorcio comece a funcionar de modo efectivo o 1 de xullo deste ano 2013.
O saneamento do río Louro
O saneamento do río Louro, cunha forte presión urbana e industrial, foi unha tarefa que comezou en 1994 cando os catro concellos de Tui, Salceda de Caselas, O Porriño, Mos, a Xunta de Galicia e a Administración do Estado asinaron un acordo para levar a cabo o saneamento da bacía do río Louro, que establecía a creación unha entidade mancomunada ou consorciada para xestionar as infraestruturas de saneamento e depuración que se constrúan con base neste acordo. Desde aquel momento, foi necesario investir 93.911.943 € para a construción do sistema de saneamento do Louro, incluíndo a EDAR de Guillarei, que entrou en servizo no ano 2010. Desde entón, vén funcionando con normalidade.
Ademais, foi necesario executar importantes actuacións de conexións secundarias ao sistema de saneamento xeral, cun importante custo pola dispersión poboacional deste territorio. Incluíndo as obras que está desenvolvendo hoxe en día Augas de Galicia, a Xunta xa leva investidos 14,5 millóns de euros en obras de saneamento secundario, e seguirase priorizando o investimento en saneamento desde a Xunta de Galicia nos próximos anos.
Sem comentários:
Enviar um comentário