Moisés Rodríguez Pérez, alcalde de Tui, mantivo o pasado luns en Santiago de Compostela unha entrevista coa nova Secretaria Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro Domínguez, no que fixeron unha análise das posibles canles de colaboración entre ambas institucións. A posición estratéxica de Tui como porta de acceso do Camiño de Santiago en Galicia, o seu importante conxunto patrimonial e os valores naturais do seu enclave son elementos centrais sobre os que traballar conxuntamente para o desenvolvemento turístico de Tui e a súa comarca.
O rexedor tudense informoulle sobre a necesidade que posúe a nosa cidade de desenvolver as súas potencialidades turísticas precisando da colaboración da Secretaria Xeral de Turismo da Xunta de Galicia neste tema. O alcalde de Tui agradeceulle á Secretaria Xeral esta xuntanza e a sensibilidade amosada cara as peticións formuladas polo Concello de Tui.
No decurso da reunión analizaron tamén o funcionamento da Oficina de Turismo na súa nova ubicación na Praza de San Fernando unificando as oficinas da Xunta e do Concello e que acadou un notable incremento no pasado ano. Moisés Rodríguez tamén lle informou da labor conxunta que no ámbito da promoción turística desenvolve a Eurocidade Tui – Valença e as importante posibilidades que se abren neste ámbito de traballo conxunto.
A secretaria Xeral valorou moi positivamente o traballo realizado polo Concello de Tui e comprometeu o seu apoio para traballar conxuntamente a prol da dinamización turística da cidade tudense. Nava Castro informoulle tamén da celebración do VIII centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela, acontecemento que vai celebrar a Xunta de Galicia entre o ano 2013 e o 2015 e que goza das desgravacións fiscais como no caso do Xacobeo e arredor deste evento se desenvolveran diversas actividades en toda Galicia, contando tamén coa cidade tudense.
Sem comentários:
Enviar um comentário