quarta-feira, 27 de fevereiro de 2013

JAUME GUBIANAS ESCUDÉ GAÑA O CONCURSO DE CARTEIS DAS FESTAS DE SAN TELMO 2013


Un total de 16 traballos se presentaron á convocatoria formulada pola Concellería de Cultura do Concello de Tui, coa colaboración da Comisión de Festas, para a elección do cartel anunciador das festas de San Telmo 2013. O xurado, reunido na tarde de onte, acordou conceder o premio deste concurso ao traballo presentado baixo o lema “Festa, sentimento, tradición”, que unha vez aberta a correspondente plica resultou ser obra de Jaume Gubiana Escudé, de Navàs (Barcelona).
O xurado no seu fallo resalta que a obra gañadora salienta, entre os traballos presentados, pola súa capacidade comunicativa e representativa da nosa cidade, recollendo o principal momento das festas de San Telmo, a solemne procesión do noso patrón acompañado dos tudenses.
Coa resolución deste concurso a Concellería de Cultura tudense recupera a aposta pola oferta aos deseñadores e creativos á hora da confección do cartel anunciador das festas patronais tudenses, logrando deste xeito unha obra máis representativa e participativa. Para a concelleira tudense de cultura, Vanesa Rodríguez Pereira, resulta satisfactorio recuperar este certame sinalando un aceptable nivel nos traballos presentados.

Sem comentários:

Enviar um comentário