sexta-feira, 25 de outubro de 2013

A DELEGACIÓN TUDENSE FOI RECIBIDA ONTE NO MUNICIPIO DE VERSMOLD

Participa en diversas actividades e no festival “Europa baila en Versmold” con grupos locais e de Serbia e Polonia.
 O alcalde Moisés Rodríguez ,representantes da Corporación Municipal tudense, xunto ao Presidente da Cámara Municipal de Valença e un vereador da mesma e veciños da localidade tudense, foron recibido onte na cidade alemá de Versmold  que visitan, ao abeiro do acordo de irmandade existente e para asistir ao festival “Europa baila en Versmold” no que participará o grupo de baile da parroquia de Paramos, tan especialmente unida á aquela cidade de Versmold e que foi unha das promotoras deste acordo de irmandade.
Onte á tardiña tivo lugar o recibimento das delegacións participantes na Casa do Concello de Versmold  onde no seu discurso de benvida o alcalde Thorsten Klute destacou a importancia de afondar na construción de Europa dende o nivel local para favorecer a cohesión e o obxectivo dunha Europa dos cidadáns. O rexedor tudense salientou na súa intervención o agradecemento pola acollida presente e a realizada ao longo de varias décadas a importante comunidade emigrante tudense naquela vila xermana e lembrou o traballo que Tui e Valença desenvolven no ámbito da cooperación transfronteiriza coa creación, hai pouco mais dun ano, da Eurocidade.
A localidade de Versmold, de 21.000 habitantes, contou e conta cunha ampla presenza de inmigrantes de parroquias de Tui, especialmente de Paramos e Baldráns, que emigraron hai anos e onde, moitos deles, traballaron nas súas fábricas de embutidos. Na actualidade, un amplo número de tudenses cobran a súa xubilación tras traballar e vivir en dita localidade.
A localidade xermana irmandouse oficialmente con Tui no pasado mes de abril, cando o alcalde da alemán Thorsten Klute xunto cunha ampla delegación daquela localidade visitaron Tui, nas festas patronais de San Telmo, para asinar este protocolo de amizade.
 “Europa baila en Versmold” inclúe no seu programa actividades que buscan dar a coñecer a localidade xermana a Europa así coma afianzar a idea dunha conciencia comunitaria. Os asistentes visitarán museos, centros educativos para coñecer  cómo funciona o sistema de ensino alemán,    visitas guiadas por diferentes localidades da zona, e participarán no Festival “ Europa tanzt in Versmold, A cultura non coñece fronteiras“ onde cada unha das cidades irmandadas presentará costumes típicas do seu país. No festival participan grupos locais, tudenses e das localidades de Dobczyce (Polonia) e Vrdnik (Serbia).

Sem comentários:

Enviar um comentário