Os padeeiros do Club Kayak Tudense, Ramón Ferro e Óscar Graña recibiron onte a Medalla de Bronce da Real Orden del Mérito Deportivo, polos éxitos acadados na súa traxectoria deportiva.
No acto celebrado no Teatro Cofidis de Madrid, e presidido por SAR a Infanta Dona Elena, entregáronse as distincións da Real Orden del Mérito Deportivo nas súas diferentes categorías, de placas e medallas de ouro, prata e bronce, que se conceden a persoas ou entidades en recoñecemento aos seus éxitos deportivos ou á súa achega ao desenvolvemento do deporte español.
Os padeeiros do Club Kayak Tudense recibiron esta distinción pola súa traxectoria deportiva, chea de éxitos, na que neste ano 2013 se proclamaron Campións do Mundo en Copenhague (Dinamarca), Campións de Europa en Vila Verde (Braga-Portugal) e Campións de España en Banyoles.
Para o Concello de Tui é unha honra poder contar con deportistas de tan alto nivel entre os seus clubs, polo que desexa felicitar a Óscar e Ramón por este recoñecemento de nivel nacional, así como ao Club Kayak Tudense e aos seus directivos e adestradores.
Sem comentários:
Enviar um comentário