Terán 20 días para presentar a solicitude no rexistro de entrada
O Concello de Tui vén de convocar as becas para deportistas de alto nivel por un importe total 12 mil euros. Os deportistas tudenses terán dende hoxe un prazo de vinte días para presentar a solicitude no concello.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, xunto ao concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, e o de Formación e Emprego, José Ángel Villaverde, presentaron esta mañá estas bolsas na compaña dos deportistas Iván Alonso, Manuel Garrido e Jesús González.
A dotación económica para estas bolsas pasou de 10 mil euros concedidos o ano pasado a 15 deportistas, aos 12 mil euros que serán repartidos este ano. Os requisitos para acceder ás mesmas son ser deportista de alto nivel, estár empadroado en Tui e ter máis de 16 anos. Fíxose amais unha remodelación das bases tras a experiencia do ano pasado e logo de varias reunións mantidas cos propios deportistas. Así este ano establécese un máximo de 1.500€ por podio en Campionatos do Mundo, e un mínimo de 300€ por podio en Campionatos de España. Así o explicaba esta mañá o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, quen salientou que estas becas “é un dos proxectos estrelas do Concello no ámbito deportivo”. Amosou a súa satisfacción cos éxitos dos deportistas tudenses, ao tempo que adiantou a intención “de seguir loitando para incrementar estas becas ano a ano”.
Pola súa banda o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, explicaba que nestes tempos complicados “o Concello segue a apostar polos nosos deportistas de elite”. Afirmaba que “a relación cos nosos deportistas é moi estreita” e no seu parecer o Concello de Tui “está sendo un exemplo de facer ben as cousas”
Os tres deportistas tudenses presentes Iván Alonso, Manuel Garrido e Jesús González, coincidiron na súa valoración positiva destas becas e do apoio que teñen dende o concello. Iván Alonso afirmaba que “as cousas están a facerse ben, hai interese, esta á e unha boa liña de axudas”. Pola súa parte Manuel Garrido apuntaba que “pasamos de non ter nada a contar con esta liña de axudas que para nós é moi importante para que poidamos seguir tendo un soño deportivo”. Jesús González cualificou estas becas de “grandísimo paso” sobre todo, dicía, de cara ás novas xeracións.
Sem comentários:
Enviar um comentário