terça-feira, 1 de outubro de 2013

O CONCELLO ASINA UN CONVENIO COA DEPUTACIÓN PARA O FINANCIMENTO DE SERVIZOS SOCIAIS COMUNITARIOS MUNICIPAIS

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, asinou hai uns días en Pontevedra –xunto con outros alcaldes da provincia- un convenio coa Deputación Provincial de Pontevedra para o financiamento de servizos sociais comunitarios municipais nos concellos de menos de 20.000 habitantes
En virtude desta achega da Deputación se promove o  Servizo de Atención no Fogar, co cal se facilita que as persoas maiores, con certo grao de dependencia ou con necesidades especiais de apoio, poidan seguir residindo no seu fogar; poténciase tamén a súa autonomía persoal e prevéñense situacións de dependencia ou exclusión social, mellorando a súa calidade de vida.
Así mesmo, con esta dotación económica finánciase o persoal técnico dos equipos municipais de servizos sociais comunitarios, con perfil complementario ao do traballador social, para dispoñer dun servizo adecuado ás necesidades concretas da súa poboación; 
Tras a sinatura do acordo o concello recibirá de forma inmediata un adianto do 35% da cantidade que lle corresponde; unha vez remitida a documentación xustificativa correspondente recibirá a cantidade restante.
Tanto o presidente da Deputación como o alcalde de Tui valoraron os servizos sociais municipais como "a primeira porta á que poden chamar os que máis o precisan" e "teñen tamén unha función proactiva na detección de posibles problemas entre a poboación á que dan cobertura".
O rexedor tudense valora esta achega económica da Deputación Provincial que posibilita o financiamento dos servizos sociais comunitarios municipais por parte do Concello de Tui, contribuíndo a promover unha maior calidade de vida dos nosos veciños.

Sem comentários:

Enviar um comentário