segunda-feira, 7 de outubro de 2013

EXITO DE PARTICIPACIÓN ONTE NA “FESTA NO PLACER: VIVE O CONXUNTO HISTÓRICO”

Houbo ao longo do día artesanía, gastronomía, música, visita guiada e actividades para rapaces
Un grande número de persoas participou onte, domingo 6 de outubro, nas actividades programadas polo Concello de Tui ao abeiro da chamada “Festa no Pracer: vive o conxunto histórico” que con oferta de artesanía, gastronomía e espectáculos ao longo da xornada ateigou de xente as vellas rúas e prazas do conxunto histórico tudense.
Esta actividade daba continuidade a primeira festa celebrada no pasado ano co gallo dos 150 anos da urbanización desta praza e que contou cunha ampla participación popular, agora neste ano 2013 baixo o nome de “Festa no Placer”  o Concello de Tui evidenciouse o atractivo desta actividade de dinamización do conxunto histórico tudense, nunha xornada na que se contou cunha climatoloxía idónea para o desenvolvemento das actividades.
Na apertura da festa, foron entregados os premios do II Concurso de balcóns, concedidos a Luisa Babarro Oyero, da rúa Ordoñez, que acadou o primeiro premio; o segundo premio foi para Ana Belén Rodríguez Domínguez, da Praza da Armada, namentres que o terceiro premio recaeu en Concepción Díaz Comesaña, da Travesía do Foxo, e finalmente tamén foi entregado un Premio Especial ao mellor establecemento de hostalería para valorar a contribución dos establecementos comerciais ao embelecemento do conxunto histórico e que foi concedido a Julián Ramírez Sánchez de Jaqueyvi.
Once postos de artesanía de artesáns tudenses enchían a Praza do Pracer xunto a un grupo de palilleiras veciñas daquelas rúas do casco histórico que realizaron unha exhibición do seu traballo ao longo do día. Completa esta oferta artesanal a demostración do traballo tradicional dos telleiros do Rosal na Praza da Armada.
A gastronomía foi outra das propostas do programa con postos na praza da Estrela a cargo dos establecementos Monumental, A Muralla, Jaqueyvi, A Adega, Viños e Tapas e Pizzería di Marco, contando coa participación como establecemento convidado do Parador de Turismo “San Telmo”. Tamén a familia de Micaela, enferma de hipotonía participaron na festa gastronómica cun posto. Houbo oferta gastronómica ao mediodía e logo na tarde durante o concerto de “Odaiko”.
A música estivo presente con pasarrúas e actuacións de grupos folclóricos locais e cun concerto de música folk a cargo do grupo de percusión “Odaiko” ás 19,30 horas e que contou co patrocinio de Agadic e que foi seguido por numeroso público na Praza do Pracer.
Os nenos tiveron o seu momento nesta xornada coa actuación de “Kotemalabar”  cun espectáculo de circo na Praza de San Telmo, chea de rapaces  sorprendidos cos número malabares de Kote.
Tamén houbo espazo para unha visita guiada por diversos elementos do conxunto histórico, cun percorrido que dende a Praza da Armada discorreu polo antigo porto fluvial de Tui, a muralla medieval rematando na Praza da Estela.
Con esta “Festa no Pracer” o Concello tudense pretende dinamizar o conxunto histórico da cidade ao tempo que apoia ao pequeno comercio local, ao que agradecen a súa implicación para neste momento complicados sumar esforzos e sinerxías a prol da revitalización da zona monumental.

Sem comentários:

Enviar um comentário