Como xa comentabamos no anterior “post” deste blogue atopamos nunha vella revista científica editada en Roquetas (Tarragona) a fotografía dese famoso penedo do equilibro do Monte Aloia. Figura esta imaxe nun interesante artigo titulado “Excursiones científicas por el Norte de España” na revista “Ibérica do Observatorio do Ebro” de 1915.
A pedra oscilante ou abaladoira do Aloia é un exemplo portentoso dun penedo granítico unido a outra laxe por un pequeno punto que posibilita o seu inestable equilibrio. Estas pedras atopámolas en numerosos lugares de Galicia, posiblemente a de maior sona é a pedra de abalar no Santuario de Nosa Señora da Barca, nas terras de Muxía na Costa da Morte; mais próxima está a Pedra do Equilibrio na parroquia de Arcos (Ponteareas) nas abas do monte da Picaraña.
Me encantó la piedra oscilante. Vímosla oscilar al esfuerzo de un solo hombre. Era fenómeno para mí nunca visto; y de tal manera me satisfizo, que por él solo diera por bien empleado el trabajo de la ascensión, asi se manifesta o P: Longinos Navas, S.J., autor do artigo arriba mencionado, e que acredita o aspecto espectacular deste penedo.
Aínda que a tradición liga estas pedras e o seu inestábel equilibrio como froito do traballo humano ou de intervencións portentosas, o certo é que estas monumentais rochas son resultado dos procesos naturais de erosión.
Esta fotografía nos ofrece o aspecto monumental deste penedo oscilante, un singular atractivo da visita ao Aloia. Pero esta pedra que aguantou as inclemencias do tempo durante séculos non puido resistir a acción vandálica dun grupo de mozos, din que de Malvas, que haberá tres ou catro décadas botaron monte abaixo o monumental penedo.
Por mágoa non coñezo noticia algunha sobre as tradicións relacionadas con esta pedra oscilante. En moitos lugares estas pedras oscilantes están ligadas a rituais adiviñadores, dependendo de que abalen ou non logo de formularlle á pedra unha determinada pregunta. Como sinala Vitor Vaqueiro no seu libro “Mitoloxia de Galiza” (2011): “acredítase que a función que cumpriron mais a miúdo foi a de adiviñación. Segundo Murguia, houbo un tempo no que as pedras de abalar serviron para probar a fidelidade das mulleres e a virxindade das doncelas; e xa Estrabón, hai 2000 anos, afirmaba que os galegos eran experientes nas artes adiviñatorias. De feito, esta función prognosticadora segue a darse hoxe xa que se supón que as pedras, en certa maneira, son quen de respostar ás preguntas que se lles formulan, relativas, en xeral, a desexos futuros. Se abalaren enténdese que a resposta é afirmativa. Se non, presuporase a negativa.”
As funcións encomendadas pola tradición popular a estas rochas, teñen variado segundo as diferentes culturas, pero cun nexo común a todas elas: o seu movemento era indicativo de una determinada cualidade. Así, os celtas consideraban as pedras abaladoiras como elementos cargados de fortaleza e resistencia, empregadas nos rituais para protexer aos homes das enfermidades e proporcionarlles a forza posuían. Moitos pobos do norte da Península Ibérica, conservaron a crenza no poder destas pedras para predicir acontecementos ou desgrazas.
No Aloia conservamos outras interesantes tradicións ligadas ás pedras como é “A Cama do Santo” e as pedras do sol e da auga, das que nos ocuparemos noutra oportunidade, hoxe nos quedamos con esta imaxe certamente sorprendente da pedra do equilibro do Monte Aloia.
in Tudensia
Sem comentários:
Enviar um comentário