O Concello de Tui convoca un ano máis o concurso fotográfico “Relación home/muller 100%positiva” dirixido a maiores de 18 anos .
O lema busca facer fincapé na relación entre a muller e o home resaltando dunha forma positiva a relación de parella, amizade, convivencia no traballo e en todos os ámbitos da vida.
Con este concurso quérese resaltar que aínda que aínda existen vítimas de violencia de xénero, a maioría das relacións entre homes e mulleres son relacións non violentas. Con esta campaña da Concellería de Servizos Sociais do Concello de Tui búscase fomentar este tipo de relacións e rematar entre todos coa violencia machista.
Cada participante poderá enviar un máximo de 3 obras nas que se aceptan retoques fotográficos sempre e cando non se trate de fotomontaxes. As fotografías poden ser en branco e negro ou cor e deberán presentarse en papel cun tamaño mínimo de 20cmx15cm e un tamaño máximo de A3 (42cmx29.70cm). Todas as obras levarán un título.
Os traballos han de presentarse nun sobre pechado especificando no seu exterior “Concurso fotográfico: Relación home/Muller 100% positivo, 6ª edición” que poderá ser presentado directamente nas oficinas do Concello de Tui ou a través do correo ordinario. Xunto a este sobre debe axuntarse outro cos datos do participante, nome e apelidos, enderezo, número de teléfono e fotocopia do DNI. O prazo de presentación das obras remata o 20 de novembro ás 12h. O finalista recibirá un premio de 300 euros.
Coa obra premiada e outras fotografías seleccionadas, farase unha exposición na Área Panorámica, polo que os participantes aceptan así a cesión dos dereitos de utilización, exposición, reprodución e distribución pública das obras seleccionadas, para uso exclusivo das accións relacionadas co concurso en cuestión.
Sem comentários:
Enviar um comentário