O pasado sábado celebrouse a última edición do ano 2013 do programa da Deputación de Pontevedra “Únete a Volta”, que tras 32 edicións por toda a provincia, pechaba en Tui esta actividade con preto de trescentos ciclistas de todas as idades, que gozaron dun percorrido de 6.5 quilómetros, e que foron aclamados polo numeroso público que se concentrou na praza da Inmaculada, lugar de saída e chegada da proba.
O percorrido, que foi controlado en todo momento polos integrantes dos clubs ciclistas de Tui, Club Ciclista de la Fuente, Peña Biciosos Rías Baixas e Club MTB Aloia, así como pola Policía Local e Protección Civil de Tui, e da Cruz Vermelha de Valença, discorreu polas rúas do casco histórico tudense, por San Bartolomeu, a Virxe do Camiño, Irmáns Maristas, para chegar de novo, polas rúas novas ata o punto de saída, onde os ciclistas recibiron o avituallamento entregado gratuitamente por Coca - Cola.
Nenos e nenas de diferentes idades recibiron os agasallos da Deputación de Pontevedra, unha camiseta e un bidón de auga conmemorativos da antigamente denominada festa da bicicleta. Por último, todos os participantes entraron no sorteo de dúas bicicletas de montaña, así como de cascos e roupa ciclista, que foron doados polo Corte Inglés e pola Deputación de Pontevedra, e que foron entregados polo concelleiro de deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, polos responsables dos clubs ciclistas de Tui, e por Marcos Serrano, ex ciclista e director técnico do evento.
Sem comentários:
Enviar um comentário