Paso previo á peonalización desta zona monumental
A Xunta de Goberno Local do Concello de Tui vén de iniciar o procedemento para a licitación do subministro e instalación do control de acceso ao casco histórico de Tui por un importe de 66.363,51€ con fondos propios do Concello tudense.
A adxudicación da instalación dunhas pilonas hidráulicas para o control do acceso de vehículos ao conxunto histórico da cidade é o primeiro e imprescindible paso para proceder, de seguido, á peonalización da zona monumental tudense que recuperará así o seu carácter de espazo para o encontro dos cidadáns reducindo o impacto da presenza de vehículos que altera de xeito substancial o equilibrio que debe existir nestes ámbitos urbanos creados para o encontro das persoas e non dos vehículos.
Con estas medidas, que contan coa aprobación da Comisión Provincial de Patrimonio, o Concello tudense pretende mellorar a calidade de vida dos veciños residentes nesta área urbana así como favorecer o desenvolvemento comercial das zonas afectadas. Ao tempo se regula o tráfico e o estacionamento no resto do ámbito urbano do conxunto histórico de Tui para lograr unha mobilidade adaptada as necesidades e esixencias destes ámbitos patrimoniais e para non prexudicar aos veciños desta zona monumental.
A diminución do ruído, da contaminación ambiental, o reforzamento das posibilidades turísticos e comerciais destes espazos urbanos, a habitabilidade, a sostenibilidade e a recuperación do peón como elemento esencial da identidade urbana do noso conxunto histórico son algúns dos obxectivos que pretende o goberno municipal con esta medida.
Na actualidade está en proceso de elaboración unha ordenanza que regulará o tráfico no conxunto histórico e que o goberno municipal confía levar ao vindeiro Pleno da Corporación Municipal para o seu debate e aprobación.
Sem comentários:
Enviar um comentário