Este sábado, 19 de outubro, celébrase en Tui o 2º Encontro de Palilleiras Cidade de Tui organizado pola Asociación de Palilleiras do Baixo Miño coa colaboración do Concello de Tui. Terá lugar na antiga fábrica de boinas a carón do pavillón municipal a partir das dez da mañá e ata ás sete da tarde.
Ás doce do mediodía está prevista a inauguración oficial do Encontro a cargo do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e da concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, que xunto ás responsables da Asociación de Palilleiras do Baixo Miño, serán os encargados de facer a entrega de diplomas ás participantes. No acto actuará o grupo de gaitas Seixos Albos de Areas.
Neste 2º Encontro de Palilleiras Cidade de Tui daranse cita 550 persoas chegadas de distintos puntos de Galicia e de España para compartir unha xornada de convivencia con outras afeccionadas aos bolillos. Ao longo do día se poderán comprobar as técnicas que se empregan en cada lugar ou o tipo de encaixe característico de cada zona. Amais este ano, por vez primeira, haberá premio para o mellor encaixe de bolillos tradicional e para o mellor encaixe de bolillos europeo, buscando así incentivar ás participantes a achegar o seu mellor traballo.
Sem comentários:
Enviar um comentário