Play-Doc Festival Internacional de Documentais, acollerá en Tui do 22 ao 26 de abril, a Claire Simon. O certame dedicaralle unha retrospectiva á realizadora gala, unha das máis destacadas a nivel mundial no terreo do cinema directo, estilo documental que intenta captar a realidade tal como se presenta. Etnóloga de formación, sempre se caracterizou polo seu autodidactismo no cinema, cun estilo propio dende os seus inicios. Xa na súa célebre película Récréations (1992), a directora lograba capturar o día a día no recreo duns nenos de infantil. Filma moi de preto os seus personaxes, simpatiza con eles, e fai que se mostren con honestidade. Trátaos como persoas, con humanismo, pero tamén como personaxes.
Para Simon, a ficción e o documental son só dúas maneiras de rexistrar un mesmo universo. Ten declarado que moitos dos seus referentes están na ficción, mesmo literaria. Así, ve nas actitudes dos nenos de Récréations algo de Shakespeare; cando filma a Mimi (2002), retrato íntimo dunha muller, faino inspirándose na prosa de Perec; ou no día a día dunha empresa de alimentación que loita por non quebrar, Coûte que coûte (1995), identifica un substrato da novela negra norteamericana. Este afán seu por facer unha sorte de documentais de xénero deu orixe, en especial con este último filme, a toda unha nova escola de non ficción en Francia. Simon influenciou as novas xeneracións de cineastas no seu país, tamén como responsable do departamento de realización da Fémis, escola nacional do cinema en Francia.
Play-Doc mostra as tres películas citadas, premiadas en importantes festivais internacionais como Cinéma du Réel, xunto ao seu recente díptico sobre a Gare du Nord de París. Na famosa estación parisina, conviviu durante meses coas persoas que van e veñen a diario, e con todas esas figuras que a habitan, principalmente xente da rúa ou traballadores da estación. Desa experiencia sae Géographie humaine (2013), e a mellor forma de describila é o seu título: unha xeografía humana do lugar en cuestión, un microcosmos que serve de metáfora para falar, non só da identidade e sociedade francesas, senón da europea por extensión. A segunda parte do díptico é Gare du Nord (2013), unha ficción que Simon rodou ao mesmo tempo que o seu documental.
Para a realizadora francesa, “o documental é só un filme de ficción improvisado”, as dúas caras dunha mesma moeda. Este discurso coincide coa liña editorial que Play-Doc veu marcando nos últimos anos. Figuras moi importantes da etapa máis clásica do cinema directo, como Raymond Depardon ou Albert Maysles, foron protagonistas en anteriores edicións. Nunha tendencia xeneralizada do cinema de ficción contemporáneo, este incorpora cada vez máis un rexistro documental. É o caso de Nicolás Pereda, ao que se dedicou retrospectiva en 2014. Intentando afondar nesta vía, o festival programará tamén, amais de Gare du Nord, outra ficción de Simon: Ça brûle (2006). Estreada na Quincena dos Realizadores de Cannes, a película céntrase nunha adolescente que descobre a sexualidade.
A retrospectiva complétase con Les patients (1989), un dos primeiros filmes de Simon, rara vez mostrado, que segue a un médico de provincias durante o seu último mes de práctica profesional. Como é habitual, as sesións compleméntanse cunha clase maxistral da realizadora, que falará da súa concepción do cinema o sábado 25 de abril, pola tarde. A súa presenza no festival é posible grazas a AC/E (Acción Cultural Española). O CGAI – Filmoteca de Galicia e o Institut Français colaboran tamén na organización do ciclo.
FILMES DA RETROSPECTIVA:
Les patients (1989) – 75 min.
Récréations (1992) – 54 min.
Coûte que coûte (1995) – 100 min.
Mimi (2002) – 100 min.
Ça brûle (2006) – 111 min.
Géographie humaine (2013) – 105 min.
Gare du Nord (2013) – 119 min.
Sem comentários:
Enviar um comentário