Mañá venres ás 19.30h terá lugar na Sala Félix Rodríguez da Área Panorámica a presentación dos libros Xoguetes Naturais “Argalladas dos pícaros” e “Primavera-Verán” escritos por Xosé López González e José M. García Fernández, e editados pola editorial Ouvirmos. Na presentación estarán os autores, xunto a un representante de Ouvirmos e a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez.
Xoguetes naturais “Argalladas dos pícaros” é primeiro volume desta colección na que se nos ensina como realizar paso a paso 30 xoguetes con elementos da natureza, follas, herbas, flores... Detrás de todas estas “argalladas”, atopamos un forte compromiso coa defensa do medio ambiente, pero sobre todo un devezo profundo de recuperación e posta en valor do xoguete popular e tradicional.
Os 30 xoguetes, elaborados con elementos propios da primavera-verán, acompáñanse de máis de 200 ilustracións realizadas a lapis e de textos explicativos que dun xeito didáctico e práctico nos descubren como construír un guerreiro de landra, un gorro de follas de castiñeiro ou unha boneca de papoula, entre outros. O libro de 84 páxinas presenta unha ficha para cada xoguete. Cada ficha inclúe o nome común e o nome científico da planta ou árbore coa que se elabora a argallada, as ferramentas, o material natural e unha explicación detallada dos pasos a seguir para conseguir o xoguete proposto. Todo isto complementado de varios debuxos realizados a lapis que nos permiten visualizar os pasos a seguir e o resultado final.
O segundo volume Xoguetes Naturais – Outono-Inverno no que se nos ensina como realizar paso a paso 30 xoguetes con elementos da natureza, follas, herbas... Este segundo volume está dedicado aos xoguetes realizados con materiais propios do outono e o inverno. Bugallos, carozos de millo, nabos, cocas ou noces son só algúns dos elementos cos que poderedes construír muíños, cataventos, lanchas, bailaretes ou bonecas, entre outros.
Os 30 xoguetes acompáñanse de máis de 200 ilustracións realizadas a lapis e de textos explicativos prácticos e didácticos. Un total de 92 páxinas que presentan fichas para cada un dos xoguetes. Cada ficha inclúe as ferramentas coas que se elabora a argallada, o material natural e unha explicación detallada dos pasos a seguir para conseguir o xoguete proposto. Todo isto complementado de varios debuxos realizados a lapis que nos permiten visualizar os pasos a seguir e o resultado final.
Sem comentários:
Enviar um comentário