quinta-feira, 19 de março de 2015

ESTE DOMINGO 22 DE ABRIL A CATEDRAL ACOLLE O PREGÓN DA SEMANA SANTA TUDENSE

Correrá a cargo do Deán da Catedral tudense, D. José Dieguez Dieppa
Este domingo 22 de abril ás 18,00 horas terá lugar na S. I. Catedral de Tui a lectura do Pregón da Semana Santa tudense, a cargo do Deán – Presidente do Cabido Catedral de Tui, Ilmo. Sr. D. José Dieguez Dieppa. Licenciado en Sagrada liturxia en Roma é, na actualidade, delegado episcopal de liturxia, párroco de Panxón, profesor no Instituto Teolóxico “San José” de Vigo, etc. Entre os varios cargos pastoriais encomendados no pasado salienta o seu quefacer como párroco do santuario de A Franqueira.
Completa o programa deste acto un pequeno concerto a cargo de alumnos do Conservatorio Municipal de Música de Tui.
A Asociación de Amigos da Catedral de Tui, xuntamente co Cabido Catedral e coa “Hermandad del Dulce Nombre de Jesús y Santa Casa de Misericordia” contando coa colaboración do Concello de Tui, impulsan, logo da favorable acollida dos anos anteriores, a celebración deste pregón da Semana Santa tudense co obxectivo de promover e valorizar as celebracións desta xornadas na nosa cidade e servir como anuncio e apertura dos actos litúrxicos destas tradicionais celebracións tudenses. Nas anteriores edición este pregón estivo a cargo dos profesores da Universidade de Santiago de Compostela, Marta Cendón Fernández,  Domingo González Lopo e no pasado ano por Alberto Cuevas.
O propósito das entidades organizadoras é contribuír á promocións dos actos litúrxicos e, nomeadamente, as procesións e outros elementos que identifican, dende hai séculos, a Semana Santa tudense. Estes actos reúnen xuntos aos desfiles procesionais outros elementos paralitúrxicos ou parateatrais de fonda tradición na nosa cidade, como é a horta das Oliveiras ou os sermóns do Encontro e o Desencravo. Certamente estes aspectos resultan os máis singulares da Semana Santa tudense que unidos aos desfiles procesionais, onde saen singulares tallas -salientando a popular Dolorosa de Agustín Querol- e ao excepcional marco destes cortexos polas vellas rúas do conxunto histórico converten á Semana Santa tudense nun excepcional acontecemento que une fe, arte e cultura.
A fundamental dimensión relixiosa destas tradicións da Semana Santa non reduce as dimensións culturais e mesmo turísticas que posúen estas seculares costumes que cómpre conservar como testemuña dunha historia e como identificadoras da vida da nosa cidade.

Sem comentários:

Enviar um comentário