O venres María Fumaça presenta un espectáculo infantil, e o sábado A Panadaría a comedia western musical “Pan, pan!”
Dobre é a proposta que esta fin de semana hai no Teatro Municipal de Tui. As dúas citas están vinculadas á música.
O venres, 6 de marzo, ás 20h chega ao Teatro Municipal o espectáculo musical “Xiqui, Xoque, Fiu, Fiu!” da man de María Fumaça de Mos. Sobre o escenario estarán Uxía Senlle, Sergio Tannus, Magín Blanco e Santiago Cribeiro para realizar xunto co público unha viaxe entre amigos no tren máis festeiro. Este é un proxecto musical no que non falta o bo humor, cancións-lambetadas e ritmos-aloumiños. Nos vagóns soan ritmos de muiñeira, rumba, samba, rock e forró. Ten unha duración de 60 minutos e vai dirixido a público familiar a partir dos 3 anos.
As entradas están xa á venda en www.culturatui.info ata o venres ás 13h ou poderanse mercar o venres dende ás 18.30h no despacho de billetes ao prezo de 4€ e 3€.
Mentres o sábado, 7 de marzo, ás 20.30h, será a quenda da Panadaría de Vigo con “Pan, pan!” unha comedia western musical que levan a escena Areta Bolado, Noelia Fernández e Ailén Kendelman. Durante 60 minutos mestúranse o humor e a retranca con todos os elementos do vello oeste dando lugar a unha comedia ao máis puro estilo Far West. Harry, un cowboy americano, persegue a un indio salvaxe que lle roubou á súa muller. Haberá amor e vinganza a partes iguais no mundo sen lei dos ranchos vaqueiros e os desertos perigosos.
As entradas están á venda en www.culturatui.info ata o sábado ás 13h ou no despacho de billetes a partir das 19h ao prezo de 5€ e 3,5€.
Sem comentários:
Enviar um comentário