Play-Doc Festival Internacional de Documentais ten na crítica de cinema un dos protagonistas da súa próxima edición (do 22 ao 26 de abril). A sección Resonancias nace para abrir a programación do certame aos expertos que non forman parte do equipo. É un convite a que críticos poidan facer propostas, e compartilas co público. De todas as suxestións recibidas, os coordinadores Martín Cuesta (Cinema ad hoc) e Iván Villarmea (A Cuarta Parede) elixiron un total de catro. Amais, engádese unha sesión dun crítico-cineasta, que falará nunha charla aberta ao público da súa experiencia nestes dous ámbitos, das contaminacións que poden establecerse entre facer cinema e escribir sobre el.
O elixido para esta edición é Gabe Klinger, cunha longa traxectoria en revistas de prestixio como Indie Wire, Cinema Scope ou Sight&Sound. Vén de rodar a súa primeira ficción na cidade lusa de Porto, producida pola lenda do cinema independente Jim Jarmusch. En Play-Doc, mostrará o seu filme Double Play: James Benning & Richard Linklater, sobre a relación entre estes dous cineastas.
Esta cinta está acompañada doutros catro, elixidas por membros da crítica. A sección Resonancias ábrese con Quand je serai dictateur. Proposta por Mª Carmen Fúnez (Cinema ad hoc), esta película é unha reflexión sobre como funciona a memoria a través de material de arquivo, e dos recordos que a directora belga Yaël André garda dun colega da infancia. A segunda sesión será dobre, proposta pola crítico Andrea Franco (Transit). A curta The Policeman's House, de Micha'el Zupraner, rodada na cidade palestina de Hebrón por un xudeu que vive xusto na fronteira con Israel e ten unha boa posición para gravar ambos os dous países, presenta unha visión crítica e orixinal do conflito; mentres que en 1960, Rodrigo Areias segue os pasos da longa viaxe que o arquitecto Fernando Távora fixera no ano do título, filmando por onde el pasou con cámara de súper 8, e usando textos dos seus diarios para a narración. Pecha a sección Double Happiness, de Ella Raidel, sobre como unha compañía chinesa toma as medidas dunha vila típica austríaca, para reproducila a tamaño real en China, con apartamentos de luxo ao redor. Reflexión sobre como esta práctica ten un impacto na identidade cultural dos dous países, foi proposto por Hanna Hatzmann (Universidade de Viena).
Engádese un segundo premio á sección oficial
Esta sección súmase ao seminario de crítica e programación que terá lugar durante o festival, coa convocatoria aberta nestes momentos; nunha edición na que a crítica é protagonista. Amais, Play-Doc inclúe outras actividades neste eido, coa presentación de CAMIRA (Cinema and Moving Image Researh Assembly) no festival, asociación internacional de críticos, recentemente creada para promover o desenvolvemento da profesión, a súa inserción en festivais e o contacto co público. CAMIRA outorgará este ano un galardón na sección oficial, que se suma ao xa habitual premio do xurado internacional. A composición deste xurado na súa primeira edición é a seguinte: Toni d'Angela, Clara Martínez Malagelada e Pamela Cohn. D'Angela é un dos críticos europeos máis respectados, editor dunha revista que está alcanzando cada vez máis prestixio, como é La Furia Umana. O italiano programa amais no festival Fronteira en Brasil, que pon o acento no cinema experimental e documental. Martínez é a delegada española da asociación, fórmase na ECAM (Escuela de Cinematografía y del Audiovisual de la Comunidad de Madrid) en montaxe, e é directora da revista Sala 1. Cohn é norteamericana, leva a cabo a súa actividade en Berlín e colabora tamén en diversos festivais, como Doku:Fest ou CPH:DOX. Escribe en importantes medios internacionais, como Senses of Cinema.
O xurado internacional está composto por José Luis Cienfuegos, Cíntia Gil e Gabe Klinger. O primeiro dirixiu durante anos o festival de Xixón, posicionándoo como unha referencia en Europa. Agora está a cargo do Festival de Cinema Europeo de Sevilla. Gil é directora de Doc Lisboa, un dos certames de non ficción máis respectados do continente, amais de investigadora.
FILMES EN SECCIÓN RESONANCIAS:
1960 (Rodrigo Areias, Portugal, 2013) – 66 min.
Filme proposto por Andrea Franco (Transit)
Double Happiness (Ella Raidel / Austria, China, 2014) – 75 min.
Filme proposto por Hanna Hatzmann (Universidade de Viena)
Double Play: James Benning & Richard Linklater (Gabe Klinger / EUA, Francia, Portugal 2013) – 70 min.
Crítico-cineasta convidado desta edición
Quand je serai dictateur (Yaël André / Bélxica, 2014) – 90 min.
Filme proposto por Mª Carmen Fúnez (Cinema ad hoc)
The Policeman's House (Micha'el Zupraner / Israel, 2014) – 25 min.
Filme proposto por Andrea Franco
Sem comentários:
Enviar um comentário