O sábado Titereficciós presenta o espectáculo para bebés “Chove!” en dobre función
A comedia “O Crédito” e o espectáculo para bebés “Chove!” é a dobre proposta da que esta fin de semana se pode disfrutar no Teatro Municipal de Tui.
Por unha banda este venres, 13 de marzo, ás 21.30h, no Teatro Municipal de Tui Eme2 presenta “O Crédito” unha comedia interpretada por Antonio Durán “Morris” e Pedro Alonso. Achéganos a historia dun home disposto a cambiar o conto cando acode ao banco a solicitar un crédito e non lle vale un non coma resposta. Así llo fai entender ao director da entidade bancaria baixo ameaza de converter a súa vida nunha catástrofe. A obra escrita por Jordi Galcerán e dirixida por Fernando Bernúes ten unha duración de 90 minutos. Está recomendada para público adulto a partir dos 12 anos. “O crédito” estreouse en Barcelona o pasado ano colleitando dende entón o aplauso da crítica e do público que ten enchido as funcións.
As entradas están xa á venda en www.culturatui.info ata o venres ás 13h ou poderanse mercar o venres dende ás 20h no despacho de billetes ao prezo de 8€ e 6€.
Por outra parte o sábado, 14 de marzo, Titereficciós de Santiago de Compostela presenta en dobre función o espectáculo para bebés “Chove!”. Trátase dunha obra dirixida a nenos de 0 a 3 anos cun aforo limitado a 90 espectadores por función. O primeiro pase será ás 17.30h e o segundo ás 19h. Roberto Casal e Sofía Espiñeira son os autores e intérpretes desta obra ambientada nun día de choiva onde non é doado resistirse a saltar nun charco, por iso o mellor e abrir o paraugas, calzar as botas de auga e ir xogar, bailar e enredar con todo o divertido que a choiva nos trae.
As entradas están á venda en www.culturatui.info ata o sábado ás 13h ou no despacho de billetes hora e media antes do comezo da función ao prezo de 3,5€ e 2,5€.
Sem comentários:
Enviar um comentário