O albergue de Tui chegou aos 5.434 peregrinos fronte aos 3.991 do Ano Santo 2010 testemuñando a vitalidade do Camiño Portugués
Venres, 3 de febreiro de 2012. Os datos oficiais ofrecidos pola Arquidiocese de Santiago de Compostela confirman que no pasado ano 2011 o Camiño portugués acolleu un total de 22.062 peregrinos dos que 7.720 comezaron a súa peregrinación na cidade de Tui. Un ano máis Tui é o primeiro lugar fóra do Camiño Francés en ser escollido polos peregrinos para iniciar o seu camiñar cara a Compostela.
Tamén os datos do Albergue de peregrinos da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo na nosa cidade son significativos: no pasado ano 2011 foron acollidos nestas instalacións un total de 5.434 peregrinos case 1500 máis no ano anterior en que se celebraba o Ano Santo, onde o número de peregrinos que pernoctaron neste albergue tudense fora de 3.991.
Esta posición central da nosa cidade nos camiños portugueses de peregrinación ven confirmada pola historia e pola tradición secular de acollida aos peregrinos que posúe esta cidade que chegou a contar, nos últimos séculos da Idade Media, ata con tres hospitais para a acollida dos peregrinos no seu percorrido ao sartego apostólico.
Tamén no pasado ano 2011 esta condición xacobea da nosa cidade posibilitou un auténtico crisol de nacionalidades que achegáronse onda Tui; salientaron especialmente os peregrinos de Irlanda que medraron substancialmente respecto doutros anos xunto aos alemáns, franceses, portugueses, italianos, holandeses, eslovenos, lituanos, ingleses, etc. Resalta tamén a significativa presenza de peregrinos de Sudáfrica, Corea ou Xapón, en número crecente. Entre as Comunidades Autónomas salientan os peregrinos procedentes das Ilas Baleares, Canarias, Murcia, Andalucía, Estremadura, Valencia, Cataluña e tamén de Galicia.
Para a concelleira de Turismo, Raquel Lorenzo Pimentel, estes datos certifican, nunha nova oportunidade, a importancia que posúe o camiño portugués que discorre pola nosa cidade que é escollido pola práctica totalidade dos peregrinos que se achegan dende Portugal ata Compostela.
O Concello de Tui mantén a súa preocupación pola acollida dos peregrinos mantendo aberto o centro de interpretación do camiño portugués e o albergue temporal do Concello para os momentos no que o albergue oficial está completo, ao tempo que mantén coidado o itinerario xacobeo realizando un mantemento continuo deste roteiro e mesmo mantendo operativo o perfil de facebook “Tui camino de Santiago” para difusión desta ruta xacobea e resolver as consultas que os peregrinos ou interesados neste fenómeno prantexan a través desta rede social.
Lorenzo Pimentel conclúe que estas cifras avalan vitalidade do fenómeno da peregrinación xacobea e especialmente da camiño portugués que a través da Eurocidade Tui – Valença é un lugar central e privilexiado deste itinerario e que é escollido pola inmensa maioría das peregrinos polo seu trazado, pola súa historia e tradición e pola oferta patrimonial e turística de caracter complementario que existen neste trazado.
Datos estatísticos tomados de:
http://www.peregrinossantiago.es/esp/wp-content/uploads/informes/peregrinaciones2011.pdf
Sem comentários:
Enviar um comentário