quarta-feira, 29 de fevereiro de 2012

TUI RECUPERA O SEU ARQUIVO HISTÓRICO


O Director Xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas do Ministerio de Cultura autorizou con data 21 de decembro pasado o traslado definitivo da documentación histórica do Concello de Tui, depositada dende o ano 1943 no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, ao Arquivo Municipal de Tui. Esta decisión que lle corresponde ao Ministerio como titular do arquivo provincial ven precedida do informe favorable da Consellería de Cultura como entidade á que lle compete a xestión desta documentación.
Este proceso fora iniciado pola Xunta de Goberno do Concello tudense que no ano 2005 solicitara a devolución desta documentación histórica do arquivo municipal tudense. Dado o informe favorable da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia “unha vez que o arquivo municipal de Tui dotouse de instalacións axeitadas para albergar esta documentación e de persoal técnico para facerse cargo da custodia e difusión desta documentación” o Ministerio de Cultura, en virtude do convenio existente sobre a xestión dos museos e arquivos de titularidade estatal que regula os aspectos relativos ao ingreso, depósito e control do movemento de bens custodiados en ditos arquivos, acordou autorizar definitivamente o traslado destes fondos documentais aos arquivo municipal tudense.
Esta documentación consta de 145 libros, de entre os anos 1597 e 1834, en soporto papel e encadernados en pergameo. Deles, 115 corresponden aos acordos e catas ordes de 1597 – 1775; 5 libros co documentación varia de 1705-1771; 16 libros de copias das actas da Xunta do Reino de Galicia entre os anos 1608 e 1834 e 3 libros Reais do Catastro do Marqués da Ensenada da cidade de Tui e freguesía de San Xurxo de Saiáns.
Para o Alcalde de Tui esta noticia é unha grande satisfacción pois da cumprimento a unha vella reivindicación do Concello de Tui que anelaba recuperar a documentación histórica do seu arquivo municipal trasladada ao Arquivo Histórico Provincial hai case setenta anos. Coa recuperación desta documentación o Arquivo Municipal enriquece os seus fondos documentais con este material, ata agora escasamente coñecido, e imprescindible para o coñecemento da historia da nosa cidade.
A culminación deste proceso, engade o alcalde tudense, é froito do esforzo do Concello en dotar de axeitadas condicións ás instalacións arquivísticas, crear unha sala de investigadores e dotar ao arquivo do persoal técnico preciso. Moisés Rodríguez agradece o apoio da Xunta de Galicia, dos diversos Conselleiros de Cultura, do persoal técnico do Servizo de Arquivos e da dirección do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, que conxuntamente con este Concello de Tui dende o ano 2005 teñen traballado con intensidade para lograr este obxectivo.
A presenza destes fondos documentais que abranguen do século XVI ao XVIII enriquece substancialmente o patrimonio cultural da nosa cidade. O rexedor tudense engade que nos vindeiros días se organizará o traslado desta documentación que se pretende realizar con especial relevancia pública.

Sem comentários:

Enviar um comentário