quarta-feira, 15 de fevereiro de 2012

Campionato de España de Maratón de Piragüismo en Tui


Hai uns días o Concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, adiantaba a posibilidade de que Tui acollese o Campionato de España de Maratón de Piragüismo, noticia que foi confirmada a pasada semana coa chamada por parte do Presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, e o Presidente do Club Kayak Tudense, Esteban Alonso.
Os días 18 e 19 de agosto celebrarase en Tui un dos campionatos máis importantes de España no deporte do piragüismo. Máis de 600 padexiros de toda España viaxarán a nosa cidade co obxectivo de buscar a clasificación para o Campionato do Mundo de Maratón que este ano se disputará en Roma.
Os nosos padeeiros Manu Garrido, tres veces Campión do Mundo Sub-23 nesta modalidade do maratón, e Iván Alonso, Medalla de Prata no último Campionato de España disputado en Valladolid, terán unha oportunidade para acadar a clasificación para o Campionato do Mundo diante do seu público e na súa cidade.
Para o Concello de Tui, por medio do seu concelleiro de Deportes –Nicolás Lorenzo Montes- este campionato é unha oportunidade para mostrar á Federación Española de Piragüismo que a nosa cidade esta preparada para albergar unha proba desta envergadura, mesmo un Campionato Internacional, polo que, coa organización e apoio do Club Kayak Tudense e a Federación Galega de Piragüismo, farase todo o posible para que os padexeiros teñan unha cálida acollida e gocen do mellor percorrido polo Río Miño.
Este Campionato de España de Maratón completará unha semana dedicada ao deporte da piragua na nosa cidade, xa que a fin de semana anterior, os días 11 e 12 de agosto, se celebrará o Descenso Internacional do Miño, o II Descenso Popular do Miño e a Copa Presidente, polo que Tui se converterá por uns días na capital do piragüismo nacional.

Sem comentários:

Enviar um comentário