A Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui inaugura mañá venres, 24 de febreiro, ás 20.00 horas, a exposición En terra de ninguén. Un proxecto que conta coas obras de cinco artistas reunidos a carón dun mesmo eixo temático: o concepto de fronteira, no senso máis amplo do termo, formulado a través dun cruce de variadas sensibilidades e medios plásticos.
Iago Eireos, Marián Fernández, Pilar Gayoso, Uxía Piñeiro e Santi Vega constrúen este curioso itinerario amosando nun caso o recoñecible e, noutro, o aínda por explorar. Obras que lembran ao espectador a necesidade vital de experimentar a liberdade, de indagar na realidade, e de atoparse co descoñecido. Toda unha viaxe (a)temporal na que, para avanzar, hai que desconxelar a mirada cara ao concreto e deixarse persuadir polos seus entresixos.
Esta exposición, sinala a concelleira de Cultura tudense Vanesa Rodríguez Pereira, enriquece o panorama deste espazo expositivo cunha atractiva mostra onde se mesturan diversas artes plásticas: pintura, fotografía, instalacións... que amosan a vitalidade creadora deste grupo de artistas.
Rodríguez Pereira engade que esta exposición está creada especialmente para a súa exhibición en Tui e agradece a aposta destes cinco artistas que teñen asumido este reto.
Con esta mostra “En terra de ninguén” a Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui continúa desenvolvendo unha intensa actividade na que se pretende combinar a presenza de diversas propostas de caracter artístico e divulgativo que contribúan ao enriquecemento da vida cultura da nosa cidade.
Sem comentários:
Enviar um comentário