A celebración do Entroido en Tui cumpre este ano o seu vinte e cinco aniversario, nunha edición onde a sátira, o humor e a algarabía volverán ser protagonistas. O Desfile-Concurso será o próximo martes, 21 de febreiro, festivo local en Tui, a partir das 17.30h polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda, quedando prohibida a parada dos participantes diante do palco. No mesmo van participar un total de 15 comparsas, o número máximo establecido nas bases, con 800 persoas desfilando en total.
Das quince comparsas participantes nove son de Tui, en concreto O Mosteiro de Pexegueiro, Cantos Somos, a ANPA do CRA Mestra Clara Torres, Laxes de Paramos, Santa Columba de Ribadelouro, San Fins de Rebordáns, Scouts Alhoia, a Cultural de Malvas, e a da Insua de Caldelas. As 6 comparsas restantes son Luces e Amorín de Tomiño, Borralliño-Soutelo e Picoña de Salceda, e Macanudos e La Merced de Gondomar. Os temas que ilustrarán nas comparsas son do máis variado dende as festas populares, a duendes e fadas, a familia real, Marte, os picapedra, fútbol amenicano, contos infantís, ou unha tribo.
Neste Entroido repartiranse 5 mil euros en premios aos que hai que engadir 500 € dos trofeos, e 5.750 € en concepto de compensación por participar. Haberá un premio xeral no que se valorará a orixinalidade, vestiario, parodia, acompañamento musical e carroza. Nesta categoría haberá un total de sete premios que oscilan entre os 700€ do primeiro e os 100€ do sétimo. En carrozas establécense outros sete premios dotados con contías que van dos 400€ aos 50€. Amais haberá tres premios para acompañamento musical, de 250€, 150€ e 50€, para a música interpretada en directo, e por último hai un único premio para fantasía valorado en 300€.
As comparsas recibirán unha compensación económica por participar que oscilará entre os 500€ e os 150 en función de se son de Tui ou non e de se levan carroza.
Todas as comparsas e grupos deberán asistir ao Enterro do Bacallau que terá lugar o domingo, 26 de febreiro, ás 19.30h dende a Praza de San Fernando.
O orzamento deste Entroido de 2012 ascende a 18 mil euros, un 15% menos que o ano pasado.
Restricións no tráfico
Debido á celebración do Desfile a Policía Local informa que o martes 21 entre ás dúas da tarde e ás dez da noite non se poderá estacionar e estarán pechadas ao tráfico as rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense, A Guarda e Mondoñedo.
Sem comentários:
Enviar um comentário