sexta-feira, 24 de fevereiro de 2012

A DELEGACIÓN TUDENSE VISITA O CONCELLO DE VERSMOLD



A delegación oficial do Concello de Tui que está estes días na localidade xermana de Versmod visitou esta mañá a sede do Concello onde foron recibidos por unha ampla representación daquel municipio, encabezada polo seu alcalde ou burgomestre, Thorsten Klute, que acolleron moi calidamente aos munícipes tudenses.
En primeiro lugar o alcalde de Tui asinou no libro de honra da localidade de Versmold para de seguido visitar as instalacións municipais e manter unha xuntanza cos responsables locais de Versmold para intercambiar opinións e establecer posibles canles de traballo conxunto coa finalidade de afondar nunha cooperación en materias sociais, educativas, laborais, culturais, etc.
O programa desta xornada continúa cunha reunión cun grupo de empresarios locais, a visita á fábrica de embutidos “Wiltmann”, unha das principais produtoras de Alemaña, e ao mercado de San Pedro. Completa o programa un percorrido polos principais enclaves desta localidade de pouco máis de 21.000 habitantes, que terá lugar mañá sábado antes de regresar a Tui.
A delegación tudense entregará un agasallo aos integrantes do club de fútbol “Español” de Versmold, consistente nunha equipaxe patrocinada polo Concello de Tui. Este acto terá lugar na tarde de hoxe no local social desta entidade e de seguido participaran nun festexo organizado polos colectivos da emigración española en Versmold.
A delegación do Concello de Tui está encabezada polo seu Alcalde, Moisés Rodríguez Pérez , e está integrada polos concelleiros do goberno municipal Vanesa Rodríguez e José Angel Villaverde, así como polos concelleiros de Alternativa Tudense, Telmo González, do grupo municipal socialista, Enrique Cabaleiro, e de Converxencia XXI, Carlos Vázquez. Todos os concelleiros tudenses teñen aboado persoalmente o importe da súa viaxe.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, agradeceu a cálida acollida do alcalde e membros da corporación de Versmold así como do colectivo de emigrantes existente naquela cidade de Renania do Norte – Westfalia, oriúndos do noso municipio nunha grande porcentaxe. Entre os principais temas abordados destaca o inicio dun convenio de colaboración en materia laboral coas industrias asentadas naquela localidade alemana e que cómpre desenvolver no futuro, pero cuxas bases foron xa tratadas no decurso das xuntanza realizadas esta mañá.

Sem comentários:

Enviar um comentário